• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello de Santiago e a USC impulsan unha nova edición da Feira de Emprendedoras de Compostela centrada na economía circular

Data de escritura

Os vindeiros 25, 26 e 27 de outubro celebrarase a quinta edición da Feira de emprendedoras de Compostela cunha ampla programación dirixida a centros de formación, empresas, alumnado e profesorado da Universidade así como á cidadanía en xeral. Nesta ocasión, o evento céntrase na economía circular co obxectivo de establecer un debate sobre a aqueles modelos económicos sustentables e pensado para as persoas, en liña cos principios da Axenda Urbana 2030.

Encontro no Pazo de Raxoi para ultimar os detalles do evento
Cartaz da V Feira de Emprendedoras

Un ano máis o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela a través do seu programa Woman Emprende unen forzas para impulsar a quinta edición da "Feira de Emprendedoras de Compostela: economía circular, economía para a cidadanía" que terá lugar os vindeiros 25, 26 e 27 de outubro en Santiago.

Dentro da programación do evento, o hall da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá os días 25 e 26 de outubro o "Encontro Universidade-Empresas sobre Economía Circular" que contará coa participación de expertos/as do Concello de Santiago e da USC xunto con responsables de entidades como WAS, Hipermercado Alcampo, Saica Natur, Grupo Sener, Creativas Galegas, Zara.com, Signus, Acciona, Polymat, Repsol, L’Oreal ou Clic Recycle. Este encontro está organizado polo Grupo de Traballo de Economía Circular: WAS (Woman Action Sustainability).

Concurso de RETOS

Tamén se lanzará a iniciativa na que nove empresas e entidades formularán nove retos relacionados coa súa actividade e vinculados á Economía Circular dirixidos ao alumnado universitario que deberá aportar a súa visión e aplicar os seus coñecementos para resolvelos.

Entre os obxectivos destes RETOS están o de fomentar a colaboración empresa-universidade, apoiar a transferencia de coñecemento ou favorecer a xeración e divulgación do coñecemento en formatos innovadores e creativos, entre outros.

Para participar nesta iniciativa os alumnos e alumnas deberán inscribirse a través do correo womanemprende.usc@gmail.com e elixir o reto no que desexan traballar de xeito individual ou colectivo.

As solucións poden presentarse ata o día 23 de outubro ás 23:59 horas e o acto de entrega de premios aos RETOS mellor resoltos celebrarase o 26 de outubro ás 10:00 h no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con dous premios dunha cuantía de 700 e 300 euros.

V Feira Expositiva de Emprendedoras de Compostela de Economía Circular

O Centro Sociocultural do Ensanche acollerá o 27 de outubro a Feira expositiva que permitirá achegar ao público xeral a actividade daquelas entidades da área de Compostela lideradas por mulleres que basean o seu modelo de negocio nun modelo sustentable de Economía Circular.

Ao longo desta xornada desenvolveranse varias mesas de debate entorno ás "R" da Economía Circular que será retransmitidas en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende, así como dous obradoiros abertos ao público, previa inscrición no correo womanemprende.usc@gmail.com.

O primeiro taller será impartido por Almudena Rodríguez, de Denadinteriores, e Bea Barril, de Spacio b, as cales falarán sobre como integran a economía circular nos seus servizos como escaparatistas e interioristas.

O segundo taller estará centrado na elaboración dun produto de deseño e exclusivo, feito a partir de rodas de bicicleta recicladas ou de traxes de neopreno que van ao lixo e será impartido por Luísa Estévez, CEO de Belategui Regueiro.

Entre as persoas asistentes ás xornadas, farase un sorteo dunha peza de deseño de Belategui Regueiro que será entregada ao peche da xornada.

Direccións relacionadas