II EDICIÓN DE PREMIOS Á EXCELENCIA EMPRESARIAL AXENDA URBANA 2030 DO CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Extracto do Acordo de data 11 de outubro da Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela polo que se aproban as bases reguladoras da II EDICIÓN DOS PREMIOS Á EXCELENCIA EMPRESARIAL AXENDA URBANA 2030 DO CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Establécense as bases reguladoras do programa COMPOSTELA MÓVESE 2023 "PREMIOS Á EXCELENCIA EMPRESARIAL AXENDA URBANA 2030" para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, que ten como finalidade recoñecer e valorar de maneira axeitada as empresas que amosan un gran compromiso coa calidade total.
A finalidade dos PREMIOS Á EXCELENCIA EMPRESARIAL AXENDA URBANA 2030 é premiar ás empresas que se distinguiron polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, da economía circular, da innovación, da comercialización en produtos e servizos culturais, dos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, das boas prácticas de empresas de economía social e, tamén, das boas prácticas que apostan por reter, atraer ou mellorar o talento.
As empresas candidatas ao Premio, presentarán un formulario de solicitude e unha memoria para cada unha das categorías ás que concorran:
1 Formulario normalizado CS006EC dispoñible como anexo I debidamente cuberto en todos os seus campos e asinado electronicamente. Deberanse cubrir todos os datos, así como as seguintes declaracións responsables:
- Declaración de que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, coa Seguridade Social e co Concello de Santiago achegando os certificados correspondentes.
- Declaración de que os requisitos para poder ser beneficiaria se cumpren no momento da publicación do extracto desta convocatoria no BOP.
- Declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das prohibicións para ser beneficiaria recollidas nos apartados 2º e 3º do artigo 10 da Lei
9/2007, de subvencións de Galicia.
- Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas baixo o réxime de minimis, durante o ano actual e os dous anos anteriores, polas administracións
públicas competentes, ou entes públicos, nacionais ou internacionais ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitou nin obtivo axudas ou subvencións.
- Declaración responsable conforme os datos contidos na memoria son certos.
Memoria na que se expoñan os fitos seguintes:
· A historia da empresa
· No nome, logo e forma xurídica
· Valores que inspiran o seu negocio
· Méritos de acordo coas dimensións estratéxicas e obxectivos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela.
No caso de presentarse na categoría 3.7, ademais:
· O impacto da boa práctica presentada no modelo de negocio da empresa
· A promoción do desenvolvemento individual e profesional do persoal da empresa
· A implantación de sistemas de análise, xestión e avaliación medioambiental
· A utilización na empresa da lingua galega.
Documentación adicional: A empresa candidata poderá achegar a información que considere oportuna para referendar os méritos citados na memoria (reportaxes, folletos, vídeos, informes, etc.).
A memoria e a documentación adicional non deben superar as 15 páxinas (sen incluír neste cómputo a portada, o índice e a contraportada) en formato DINA4, con marxe de 2,5 cm e letra calibrí 11.
O citado formulario de solicitude e a memoria deberán ir acompañados da seguinte documentación que acredita o cumprimento de requisitos:
- Modelo 036, ou 037 (en caso de persoas autónomas)
- Contrato de constitución da sociedade (en caso de sociedades civís ou comunidades de bens), escritura de constitución (en caso de sociedades mercantís, cooperativas ou entidades de economía social);
- Certificado de situación censual
- RNT da Seguridade Social actual
- Certificado de relación de persoas socias traballadoras (no caso de empresas de economía social)
- Alta en RETA (no caso de persoas autónomas, sociedades civís, comunidades de bens)
- Calquera outro documento que acredite o cumprimento dos requisitos
- Certificados de estar ao corrente coa AEAT, Xunta de Galicia, Seguridade Social e co Concello de Santiago de Compostela, así como certificado bancario de titularidade de conta.
En caso de que a empresa presente a súa candidatura a máis dunha categoría, esta documentación só se presentará unha vez.
As solicitudes xunto coa documentación presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela.
A presentación das solicitudes e documentación implica a aceptación íntegra e incondicional das bases reguladas da convocatoria.
Poderán resultar beneficiarias as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, ao menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal for o seu campo de actividade. Na base terceira defínense as categorías ás que poderán optar as empresas de Santiago de Compostela podendo, cada unha delas, presentar a súa candidatura a varias categorías. Para concorrer á categoría de ”Boas prácticas de empresas de economía social”, a empresa debe ser unha cooperativa, sociedade laboral, centro especial de emprego, ou empresa de inserción (definida como tal segundo o establecido na Lei de Economía Social de Galicia). Non poderán ser beneficiarias destes premios as empresas que, nunha determinada categoría, resultasen galardoadas na primeira edición dos mesmos premios e volvesen presentar a súa candidatura nesta edición na mesma categoría. Non obstante, as empresas que resultaron galardoadas na primeira edición destes premios, poderán presentar a súa candidatura a unha categoría diferente.
Unha empresa non poderá ser galardoada en máis dunha categoría.
As empresas candidatas ao Premio presentarán unha solicitude para cada unha das categorías ás que concorran.
No caso de que a empresa presente a súa candidatura a máis dunha categoría, a documentación requirida no apartado 5º, solicitudes e documentación a presentar nos seus apartados 5.3. en adiante das bases deste Premio só se presentarán unha vez
Ter iniciada a actividade o 1 de xaneiro de 2023 ou ben iniciala dentro do período subvencionable, e manterse en activo durante o ano da convocatoria.
▪ Para os efectos deste programa enténdese como data de inicio de actividade aquela en a que a persoa solicitante cause alta no IAE ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios.
▪ Ter a súa sede social, fiscal e, polo menos, un centro de traballo, no Concello de Santiago.
▪ Que a súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente.
Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas participadas por algunha Administración Pública nin as empresas que, nunha determinada categoría, resultasen galardoadas na primeira edición dos mesmos premios e volvesen presentar a súa candidatura nesta edición na mesma categoría. Non obstante, as empresas que resultaron galardoadas na primeira edición destes premios, poderán presentar a súa candidatura a unha categoría diferente.