A gobernanza centra o noveno Encontro Emprendedor do ciclo de difusión da Axenda Urbana 2030 organizado polo Concello
O martes 17 de outubro celebrouse o noveno Encontro Emprendedor, no ciclo promovido polo Concello de Santiago a través do CERSIA, para a difusión da Axenda Urbana 2030. A Gobernanza foi o eixo principal abordado nesta ocasión, na que se coñeceu a iniciativa empresarial de Coop57 Galiza. O último Encontro Emprendedor do 2023 terá lugar o 21 de novembro, arredor das temáticas de Proximidade e Mobilidade Sostible.
Esta cooperativa ofrece servizos financeiros éticos e solidarios para reforzar e promover iniciativas de transformación social. O cooperativismo, a democracia interna, a auto organización e a participación son valores que traspasan a actividade da entidade, sendo o xérmolo da súa estrutura.
A través da presentación de Antón Insua situouse a Coop57 Galiza como entidade rexida a través dos principios cooperativos, da transparencia e da confianza mutua. En relación á gobernanza, existen dúas figuras principais nesta cooperativa: as socias colaboradoras e as socias de servizos, que seguen un proceso de acompañamento e avaliación social para poder acceder a distintos produtos financeiros. Os consellos de sección territoriais, e as comisións técnica e social son quen toman as decisións que marcan o rumbo da cooperativa.
Rematada a presentación, as persoas asistentes debatiron arredor de iniciativas transformadoras, e os valores diferenciais de Coop57 Galiza. Así mesmo, abriuse o foco cara a propostas que poden promover a gobernanza no Concello de Santiago, entre as que se mencionaron a posta en marcha dos orzamentos participativos, o apoio social e a confianza ás persoas que se poñen á fronte das asociacións, o fomento de estruturas formais de intercambio co Concello (consellos sectoriais), e tamén a organización de espazos de encontro nos que distintos actores, con distintos intereses, poidan procurar maneiras de tomar acordos. Así mesmo, mencionouse a importancia de trasladar de forma transparente as competencias de cada institución, a fin de non frustrar a participación social, e de mellorar a comunicación interna do Concello para facilitar á cidadanía o traslado das súas propostas.
O ciclo de Encontros Emprendedores ten por obxectivo difundir a Axenda Urbana 2030, así como visibilizar aquelas iniciativas empresariais consolidadas, que xa están desenvolvendo a súa actividade baixo valores recollidos da Axenda Urbana e que poñen de manifesto a posibilidade de emprender e innovar neste marco.
Unha vez rematado o Encontro Emprendedor, ofreceuse un espazo informal no que as persoas asistentes puideron continuar debatindo e establecendo relacións profesionais. O último Encontro Emprendedor do 2023 terá lugar o 21 de novembro, arredor das temáticas de Proximidade e Mobilidade Sostible. Pronto máis información.