• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Xornadas informativas para as empresas que aspiren ás subvencións a Empresas de Economía Social e aos Premios á Excelencia Empresarial

Data de escritura

A concellería de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude organiza dúas xornadas informativas dirixidas ás empresas que queiran optar ás subvencións destinadas a apoiar as empresas de economía social ou aos premios á excelencia empresarial. O obxectivo é clarificar dúbidas con respecto a ambas convocatorias, que veñen de ser publicadas con modificacións respecto da anterior edición. As xornadas serán o próximo luns, no edificio CERSIA de San Lázaro.

As xornadas informativas terán lugar no CERSIA

A Concellería de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago vén de publicar a segunda convocatoria das subvencións destinadas a apoiar as empresas de economía social e dos premios á excelencia empresarial. Ambas convocatorias introducen modificacións con respecto ás edicións anteriores, co obxectivo de incentivar o emprego feminino e de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión, favorecer a novos sectores de actividade, ou priorizar as dimensións estratéxicas e obxectivos da Axenda Urbana 2030.

Debido a que todos estos cambios e modificacións nas bases reguladoras das convocatorias poden xerar dúbidas nas empresas solicitantes, a concellería que dirixe María Rozas organiza dous talleres presenciais que terán lugar no CERSIA o luns día 23 de outubro, o primeiro deles ás 9 horas e o segundo ás 12 horas. O obxectivo é que calquera empresa interesada poida formular de xeito individualizado calquera dúbida ou cuestión relativa a ambos proxectos. Non obstante, as empresas que non estean en disposición de acudir nesa data, terán á súa disposición na páxina web do Cersia a resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes que xurdan nas mencionadas xornadas.

Ademais, as empresas solicitantes teñen á súa disposición o correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal e cersia@santiagodecompostela.gal para formular as súas dúbidas ou cuestións ata 3 días hábiles antes do peche do prazo de presentación de solicitudes.