O Pleno aproba de forma definitiva o Plan especial de infraestruturas para a creación da plataforma loxística de mercadorías no Tambre
O Pleno da Corporación deu luz verde á aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) para a creación dunha plataforma loxística de intercambio de mercadorías no sistema xeral SU-3 (Tambre Norte). Nesta sesión extraordinaria tamén se aprobou a conta xeral do ano 2022.
O Pleno aprobou esta mañá o "instrumento de planeamento urbanístico necesario para a implantación da plataforma loxística de intercambio de mercadorías que está previsto crear con financiamento procedente dos fondos Next Generation, e concretamente a través do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano", indicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.
Este Plan afecta a 28 parcelas catastrais cun total de 78.032,89 m2 incluídas no sector de solo urbanizable non delimitado SUND-30 (Polígono do Tambre Norte) que forman parte do sistema xeral de servizos urbanos SU-3 (ampliación de Mercagalicia).
O PEID aprobado hoxe define catro grandes cuestións: as condicións de implantación das edificacións que albergarán a plataforma loxística; as súas vías de acceso, manobra e estacionamento; as medidas complementarias necesarias para a integración do ámbito do Plan cos elementos que o bordean; e as actuacións necesarias para conectar este ámbito co sistema viario e coas infraestruturas de servizos exteriores.
O edil de Urbanismo explicou que dado que o SUND-30, onde se inclúen os terreos afectados, non conta con planeamento de desenvolvemento aprobado, resúltanlle de aplicación as determinacións da Lei do solo de Galicia para solo rústico e, polo tanto, poden realizarse construcións e instalacións para equipamentos e dotacións previa aprobación dun PEID, coma o que hoxe se aprobou definitivamente cos votos a favor dos grupos municipal de BNG, CA e PSOE e coa abstención do PP.
A ordenación establecida neste Plan fixa unha ocupación máxima pola edificación do 20% da parcela e diferencia varias zonas: dúas áreas de movemento da edificación onde se poderán situar os edificios, que terán unha altura máxima de 12 metros; unha zona de espazos libres dedicados ás manobras necesarias para o correcto funcionamento da plataforma; unha zona de borde na que se manterán os terreos en estado natural e que funcionará como área de amortecemento, con árbores; e viario de acceso á parcela.
O desenvolvemento do Plan resolverase en dúas fases ou etapas, tanto no relativo á execución das obras de edificación e urbanización como á obtención dos terreos: unha primeira fase, dirixida a resolver a necesidade inmediata do Concello relativa á implantación desta infraestrutura, e unha segunda fase (que afecta unha superficie algo menor) cun prazo máximo de execución de 4 anos dende a finalización da execución da primeira.
O PEID foi aprobado inicialmente por acordo da Xunta de Goberno do 26 de decembro de 2022; sometido a información pública durante dous meses; aprobado provisionalmente por acordo da Xunta de Goberno do 26 de maio de 2023; e novamente aprobado provisionalmente por acordo da Xunta de Goberno do 7 de agosto de 2023, porque houbo que elaborar un novo documento incorporando correccións de escasa importancia en cumprimento do indicado no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Finalmente, o 28 de setembro de 2023, na data do último pleno ordinario, obtívose o informe favorable da Dirección Xeral e "por iso pareceunos oportuno aproveitar a celebración deste pleno extraordinario para someter o Plan a aprobación definitiva e poder avanzar coa fase de xestión urbanística e por tanto coa obtención dos terreos necesarios", sinalou Lestegás.
Próximos pasos
O concelleiro tamén avanzou os próximos pasos para a construción da plataforma loxística. "En canto ao proxecto, que está a redactar o Consorcio de Santiago, falta só a cimentación, porque non está aínda feito o estudo xeotécnico, xa que non se puido acceder ás parcelas ao non seren aínda propiedade municipal", sinalou. "Prevese que as expropiacións estean realizadas nas vindeiras semanas, porque os técnicos da área de Urbanismo xa están a traballar neste proceso co fin de axilizar ao máximo o trámite. Unha vez expropiados os terreos, tardaríase dúas ou tres semanas en ter o proxecto rematado e poder comezar as obras, que terán un prazo de execución de 8 meses".
O prazo de execución que determinan os fondos Next Generation remata en decembro de 2024 e é ampliable ata finais de 2025.
Aprobación da conta xeral de 2022
Na sesión tamén se aprobou a conta xeral do 2022, da que fan parte, ademais do propio Concello, o Auditorio de Galicia, Tussa, Incolsa, Mercagalicia, e as fundacións Granell e Refuxio de Animais. Saíu adiante co voto favorable dos grupos municipais de BNG, CA e PSOE e coa abstención do grupo popular.
En canto aos números específicos do Concello, o concelleiro de Facenda, Manuel César, indicou que o resultado de operacións non financeiras foi de -2.370.775,64 euros; o resultado do exercicio, de -4.270.703,45 euros; o período medio de pagamento a fornecedores, de 57,55 días; e o grao de execución de gastos, do 58,38%.
En canto ás contas consolidadas, incluíndo todas as entidades mencionadas, o resultado de operacións non financeiras quedou establecido en -2.669.181,36 euros, e o resultado do exercicio foi de -4.244.702,24 euros.
Nesta sesión plenaria aprobáronse outros dous asuntos, neste caso por unanimidade: un expediente de crédito extraordinario por importe de 12.000 euros para colaborar nos gastos pola organización da tradicional Carreira Pedestre Popular de Santiago de Compostela; e a ratificación do acordo da Xunta de goberno local do luns 2 de outubro sobre a bonificación do canon 2023 de Sogama.