A Axenda Urbana de Santiago organiza un novo Encontro Emprendedor coa Gobernanza como eixo central
A Gobernanza é un eixo transversal ao longo da Axenda Urbana 2030, que ten por obxectivo promover a participación social e cidadá sobre as cuestións de interese para a veciñanza.
O ciclo de Encontros Emprendedores celebra a súa penúltima xuntanza o martes 17 de outubro, ás 10h, no Espazo Galego da Creatividade. Do mesmo xeito que en anteriores citas, o Encontro Emprendedor enmárcarase nunha experiencia empresarial que pon en práctica o eixo da gobernanza, tanto na súa estrutura como na actividade que desenvolve.
Nesta ocasión, Coop57 Galiza dará a coñecer a súa organización coas persoas asistentes. Coop57 Galiza é unha cooperativa formada por persoas e entidades que ofrece servizos financeiros éticos e solidarios, co obxectivo principal de contribuír para a transformación social positiva da economía e da sociedade.
Como entidade, Coop57 Galiza pon en práctica os valores de democracia interna, participación e auto-organización, prestando servizos dende o ano 2009.
Unha vez compartida a actividade de Coop57, desenvolverase un espazo participativo no que as persoas asistentes reflexionen sobre a gobernanza e a participación social. Como en cada Encontro Emprendedor, Creativas Galegas ofrecerá un almorzo con produtos galegos.
As inscricións están abertas e son de balde (enlace ao pé desta noticia).