Iago Lestegás destaca na apertura do simposio "Urban Solutions" o compromiso do Concello de Santiago coa sustentabilidade urbana
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, participou no Simposio "Urban Solutions" en que se analizaron algúns dos desafíos das cidades no século XXI e na súa intervención afirmou que "o Concello de Santiago está comprometido coa sustentabilidade urbana e quere que a capital galega sexa un referente internacional nesta materia".
No discurso de apertura deste encontro destacou o reto de crear "espazos públicos de calidade que contribúan ao benestar das comunidades locais". "O urbanismo xoga un papel innegable no benestar das persoas e os efectos que o medio físico produce sobre a saúde non poden ser ignorados á hora de deseñar e construír os lugares que habitamos", explicou.
Así, defendeu que a cidade ten que ser "densa e compacta para ser sostible, pero tamén debe contar con suficientes espazos abertos de calidade para ser saudable". Para iso é imprescindible que estes espazos incorporen árbores grandes, vexetación en abundancia e solucións que integren a natureza para mitigar os efectos do cambio climático e garantir o benestar das comunidades locais.
Ademais, referiuse ao reto de avanzar cara á accesibilidade universal e cara a unha mobilidade "máis sostible, máis inclusiva, máis saudable e máis segura na que o vehículo particular teña cada vez menos peso sobre todo nos desprazamentos cotiáns".
Xusto a iso, o concelleiro destacou a necesidade de configurar un novo modelo enerxético "actuando non só na xeración de enerxía a través de fontes renovables senón tamén por medio da necesaria redución do consumo enerxético, unha tarefa no que o urbanismo ten un papel fundamental".
Outro dos puntos que apuntou é o desafío de asegurar o abastecemento de auga potable para todas as persoas e de "coidar este recurso fundamental para a vida a través dunha xestión integral do ciclo da auga" que teña en conta, por exemplo, o impacto negativo da artificialización de cada vez máis superficie do solo do planeta como resultado dunha urbanización de carácter predominantemente difuso que parece avanzar imparable consumindo enormes cantidades de solo a expensas, en moitas ocasións, de ecosistemas de gran valor.