AXUDAS SUSCEPTIBLES DE SEREN COFINANCIADAS POLA UE NO MARCO DO PROGRAMA GALICIA FEDER 2021-2027 E DOS PRESTAMOS PARCIALMENTE REEMBOLSABLES PARA O FINANCIAMENTO DOS PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408A)
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxecto é a concesión de axudas ou de préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:
I.1. Proxectos de investimento empresarial xerais.
I.2. Proxectos de investimento en equipamento produtivo.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación relacionada para cada modalidade do anexo I na letra E) do cadro de especificacións
Poderán ser beneficiarias destas axudas e préstamos as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia considerado subvencionable ao abeiro destas bases.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiaria as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.
REQUISITOS
Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, que estean vinculados ao proxecto para o cal se solicita a axuda ou o préstamo, e que se materialicen nos conceptos e cos requisitos que se relacionan para cada modalidade do anexo I, na letra C) do cadro de especificacións.
Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles nos casos e cos requisitos en que así se prevexa expresamente na letra C) do cadro de especificacións do anexo I, ou para a adquisición de activos dun establecemento,
Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, e admitirase, como excepción e de xeito expreso, a obra civil en terreos sobre os cales exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados, nos casos en que así se prevexa na letra C) do cadro de especificacións do anexo I. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto; neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e entenderase que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.