PROGRAMA DA ACELERADORA CULTURAL DE PROXECTOS MUSICAIS
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2023 pola que se convoca, para o ano 2023, o procedemento para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 (código de procedemento CT402H).
O obxectivo principal da aceleradora cultural de proxectos musicais é iniciar un proceso de vertebración sectorial, poñendo á disposición das persoas seleccionadas ferramentas que lles permitan desenvolver a súa carreira co fin de:
• Acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das industrias culturais no ámbito musical.
• Definir e analizar as prioridades e necesidades dos proxectos musicais emprendedores.
• Formar, titorizar e mentorizar a artistas emerxentes con proxectos musicais.
• Fomentar e consolidar a carreira profesional de artistas emerxentes co fin de acadar unha presenza notoria nos mercados nacionais e internacionais.
• Favorecer as sinerxías entre diferentes artistas, coa industria musical e con outros sectores da economía.
• Mellorar o acceso ao mercado e ao financiamento dos proxectos musicais.
• Garantir o cumprimento e respecto ao principio de DNSH (Do no significant harm).
Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:
– Documentación administrativa:
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Alta no réxime xeral de autónomos se a persoa solicitante é persoa física.
– Documentación específica:
1.5. Memoria técnica do proxecto (anexo III). Esta memoria deberá seguir o guión establecido no anexo III e reflectir de forma clara e concisa as intencións da persoa beneficiaria en canto á liña de traballo xeral, definición da estratexia e previsións de negocio e outros aspectos que se terán en conta nos criterios de valoración establecidos nestas bases. O proxecto que se presente será o que se desenvolva no programa de aceleración. Esta memoria terá un máximo 10 páxinas en letra Arial 11.
1.6. Historial creativo e profesional da persoa solicitante que permita coñecer a liña de traballo que está desenvolvendo (máximo 2.000 caracteres). Para o caso de que a persoa solicitante non sexa artista individual, este historial debe recoller a traxectoria da formación musical que se presente.
1.7. Unha maqueta orixinal e a folla de promoción ou dossier promocional.
1.8. Cuestionario informativo do proxecto musical (anexo IV).
1.9. Cuestionario-declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (anexo V).
1.10. Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos conforme o modelo contido no anexo IV.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e declaración autorizando o acceso das entidades de control financeiro da Unión Europea para o exercicio das funcións que lle son atribuídas polo Regulamento financeiro en relación co outorgamento de axudas económicas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, de acordo co disposto na letra e) do número 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, e segundo o modelo destas bases (anexo VI).
1.11. Declaración responsable de compromiso coa execución de actuacións do PRTR, entre as que están os estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH), e o recollido no número 2 da norma cuarta conforme o modelo contido no anexo IV.C da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e segundo o modelo destas bases (anexo VII).
1.12. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.
Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos e as microempresas sempre que reúnan os requisitos deste artigo, así como as persoas físicas maiores de idade, co compromiso de constituírse en empresa ou persoa autónoma no momento de adquiriren tal condición sempre que cumpran os requisitos deste artigo no momento da súa constitución.
a) Ter a condición de empresa no ámbito musical con menos de seis anos de antigüidade e desenvolver a súa actividade profesional e/ou empresarial de forma habitual e maioritariamente en Galicia.
b) Desenvolver un proxecto musical que non leve máis de 6 anos no mercado da música.
c) Estar dadas de alta nas epígrafes do IAE 032 (intérpretes de instrumentos musicais) ou 033 (actividades relacionadas coa música, cantantes). Para os efectos destas bases, non se computará como antigüidade a alta noutras epígrafes do IAE distintas das anteriormente descritas.
d) Contar cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
e) Estar dentro da definición de microempresa segundo o anexo I do Regulamento número 651/2014 da Comisión Europea.
f) Realizar o seu traballo habitual e maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.