• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Plataforma por Empresas Responsables reivindica en Santiago unha economía global xusta e sostible, coincidindo co I Encontro de Ministros de Economía da UE, Latinoamérica e Caribe

Data de escritura

A Plataforma por Empresas Responsables (PER) celebrará os próximos días 13 e 14 en Santiago as xornadas "Por unha Economía Global Xusta e Sostible", coincidindo co primeiro Encontro de Ministros e Ministras de Economía e de Finanzas da UE, Latinoamérica e Caribe, que se celebrará na nosa cidade os próximos días 15 e 16, enmarcado na axenda da Presidencia española do Consello da Unión Europea. A primeira tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, presentou hoxe o foro, acompañada por Amaya Acero, coordinadora da PER; e José Luis Barreiro, membro da xunta directiva da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e coordinador de Entreculturas en Galicia e Asturias.

Imaxe da presentación desta mañá
Cartel das Xornadas
Outra imaxe da rolda desta mañá

 

María Rozas salientou que "é unha honra que Santiago fora a cidade elixida para que os ministros e ministras da Unión Europea, América Latina e Caribe afronten os grande desafíos económicos globais, e para nós un deses desafíos que debe estar na axenda é avanzar cara unha economía global xusta e sostible". Por iso, incidiu a tenenta de alcaldesa, "o Concello colabora coa Plataforma por Empresas Responsables na organización destas xornadas, que porán o foco nesa reivindicación e na necesidade de avanzar en directivas que obriguen ás grandes empresas multinacionais a reducir e a responder polos impactos negativos que xeran no medio ambiente e nos dereitos humanos". Por iso, Rozas loubou o traballo da PER e o compromiso das máis de 500 entidades que forman parte dela, "porque son as que permiten avanzar cara o mundo máis xusto que queremos".

Xornadas reivindicativas

As xornadas "Por unha Economía Global Xusta e Sostible" desenvolveránse en diferentes localizacións de Santiago cun programa de actividades aberto ao público que contará coa participación de numerosos axentes da sociedade civil e defensores e defensoras de dereitos humanos e do medio ambiente que urxen ao Goberno de España a que lidere a aprobación dunha Directiva de Dilixencia Debida das empresas en materia de sostibilidade ambiciosa e eficaz, durante a Presidencia española do Consello da UE.

Nun momento no que están en curso as negociacións da futura directiva baixo a presidencia española é importante visibilizar a importancia da mesma e facer chegar tamén aos ministros e ministras europeos a necesidade de adoptar unha directiva ambiciosa e eficaz que forme parte da solución para unha economía e un planeta sostibles en favor das persoas e do medio ambiente.

E é que un cambio normativo sobre Dilixencia Debida, que se aplique na totalidade da cadea global de valor, que amplíe a lista de sectores considerados de alto risco, como as institucións financeiras e bancarias e que impulse a eliminación das barreiras legais para o acceso das vítimas á xustiza; é chave na loita contra o traballo infantil, o traballo forzoso, a contaminación e a degradación ambiental.

Axenda de actividades

O programa de actividades das Xornadas "Por unha Economía Global Xusta e Sostible" comenzará o mércores 13 de setembro coa proxección do documental "La ilusión de la abundancia". Tras a película, que amosa a realidade que viven as vítimas de abusos corporativos e as vulneracións dos dereitos humanos e ambientais perpetrados por parte de empresas que operan nas súas comunidades, terá lugar un coloquio no que participarán defensores e defensoras de dereitos humanos e do medio ambiente chegados dende Guatemala, Ecuador e Colombia; e aprofundaráse nestes e outros casos de abusos corporativos.

Os actos continuarán o xoves 14 de setembro con sesións de debate e reflexión na Facultade de Filosofía, que contarán coa participación de representantes de Nacións Unidas, eurodeputados e eurodeputadas, representantes da sociedade civil, empresas, activistas e sindicatos. Baixo o nome "Empresas europeas en América Latina: retos e oportunidades para a sostibilidade social e ambiental", as diferentes mesas de debate céntranse en como as propostas de lexislación obrigatoria sobre dereitos humanos e debida dilixencia ambiental, tanto na UE como en América Latina, poden desempeñar un papel chave no avance da axenda de investimentos sostibles.

Ese mesmo día pola tarde, as Xornadas "Por unha Economía Global Xusta e Sostible" finalizarán cun acto reivindicativo de rúa, que terá como protagonista a "Estatua da Inxustiza". Arredor desta figura, que simboliza as inxustizas que sofren as vítimas de abusos corporativos, habilitarase un espazo de concentración e de reflexión, onde se reunirán propostas para un mundo máis xusto e sostible.

Amaya Acero, coordinadora da Plataforma por Empresas Responsables, asegurou que "os abusos corporativos séguense a producir e está comprobado que os marcos voluntarios non están a funcionar. A Plataforma por Empresas Responsables quere trasladar ao goberno español e ás ministras e ministros europeos, a través destas xornadas, a urxente necesidade de aprobar unha Directiva Europea ambiciosa e eficaz que garanta que todas as empresas respecten os dereitos humanos e medio ambientais e que proporcione acceso á xusticia para as vítimas de violacións por parte de empresas. España ten unha oportunidade única para impulsar a aprobación desta directiva. Agora é o momento de actuar."

Cabe dicir que as reivindicacións destas xornadas contan cun amplo apoio entre a poboación. 9 de cada 10 españois están de acordo con que se obrigue legalmente ás empresas a prever vulneracións dos dereitos humanos e a reducir as súas emisións contaminantes*, segundo as enquisas de YouGov. Así mesmo, máis de 100 organizacións latinoamericanas e do Caribe sumaron forzas e pediron á Presidencia española da UE a través dunha carta conxunta unha lei contra os abusos das multinacionais.

Abusos corporativos en cifras

En 2021, máis de 28 millóns de persoas experimentaron condicións de traballo forzoso a nivel global, delas 4,1 millóns están en Europa ou Asia Central. O 63% das condicións de explotación laboral teñen lugar no sector privado.

Ademais, estímase que 160 millóns de nenas e niños traballan a nivel global. Só nos campos de cultivo de cacao en Ghana e Costa de Marfil traballan 1,5 millóns de nenas e nenos, realizando tarefas perigosas como manipular produtos químicos, utilizar machetes ou levar cargas pesadas. A produción de cacao nestes países supón dous terzos das importacións da UE.

No referido ao medio ambiente, a deforestación arrasou 43 millóns de hectáreas en todo mundo, unha superficie equivalente a California, sendo a agricultura comercial unha das principais causas.
200 personas defensoras da terra e do medio ambiente foron asasinadas en 2021. En América Latina, 150 activistas ambientais foron asasinados, o 40% pertencían a pobos indíxenas.

Sobre a Plataforma de Empresas Responsables

Plataforma por Empresas Responsables é unha alianza de 20 organizacións e plataformas que representa a más de 530 entidades sociais e unha base social de 3 millóns de socios: Alboan, Alianza por la Solidaridad-ActionAid, Anesvad, Amnistía Internacional, Asociación Pro Derechos Humanos España, Asufin, Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, Coordinadora Estatal de Comercio Justo, Economistas sin Fronteras, Educo, Enlázate por la Justicia (Cáritas, Cedis, CONFER, Justicia y Paz, Manos Unidas y REDES), Entreculturas, Fundación Paz y Solidaridad, Fundadeps, Greenpeace, Mundubat, Observatorio de la RSC, Oxfam Intermón, Setem-Ropa Limpia y USO. Estas entidades traballan de maneira conxunta para que exista.

Direccións relacionadas