• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE ACTUACIONS EN MATERIA DE RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Documentación requerida

As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante para a súa relación coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) As empresas que non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

c) Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

e) Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no senso do artigo 8, punto 2.e), da Orden HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo II). Dentro da cal se contén a referencia expresa ao domicilio fiscal da persoa física ou xurídica.

f) Declaración destinada a especificar calquera outra axuda solicitada ou concedida para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, así como as sometidas á norma comunitaria de minimis recibidas no exercicio corrente e nos dous exercicios fiscais anteriores, para as liñas 1 e 2.

g) Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no artigo 2 destas bases, deben presentar os estatutos de constitución da agrupación ou, de ser o caso, os de asociación, así como o anexo de pluralidade de solicitantes (anexo VII).

h) As memorias técnicas dos proxectos ou actuacións para as cales solicita a subvención deberán conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as que se solicita a axuda.

i) Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.

j) Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 15 desta orde, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

k) Solicitude de autorización ou, se é o caso, modificación da autorización como xestor de residuos perigosos e/ou non perigosos ante o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia na fase de solicitude. A solicitude como xestor de valorización de residuos perigosos e/ou non perigosos, deberá incluír, nos casos en que así o exixa a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o documento correspondente para iniciar o trámite. L

) No caso de solicitudes relativas ás liñas 1 e 2, Instalacións de PxR, deberán presentar: 1º. Anexo I.a para solicitudes da liña 1 ou anexo I.b para solicitudes da liña 2 debidamente cubertos. 2º. Declaración responsable das capacidades da nova instalación (capacidade máxima e normal) e da poboación potencialmente atendida, se é o caso.

m) No caso de solicitudes relativas as liñas 3 e 4, deberán presentar: 1º. Anexo I.c para solicitudes de axuda para a liña 3 ou anexo I.d para solicitudes para a liña 4 debidamente cuberto. 2º. Declaración xurada de que os residuos recibidos nas plantas obxecto da axuda, procedan de entidades que teñan implantado un modelo de recollida selectiva con contedores específicos para a recollida de envases lixeiros, biorresiduos, papel cartón e vidro ou, de non ser o caso, compromiso asinado de implantar este modelo de recollida separada antes do fin de 2025. 3º. Declaración responsable da cantidade de residuos (toneladas) tratados pola instalación no último ano.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fose a súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as grandes empresas, que se entenderá que cumpran a dita condición ao non poder ser consideradas pemes, conforme o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/214 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Requisitos

Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Deberá ter presentada a solicitude de autorización ou, se é o caso, modificación da autorización, como xestor de residuos perigosos e/ou non perigosos ante o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia na fase de solicitude. A solicitude como xestor de valorización de residuos perigosos e/ou non perigosos, deberá incluír, nos casos en que así o exixa a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o documento correspondente para iniciar o trámite.

b) Para os efectos da presente convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, etc.).

c) Será obrigatorio que, na fase de xustificación final da axuda, a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade.

d) Non serán financiables os alugamentos e pagamentos de servizos a terceiros.

e) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

f) Sera obrigatorio que as empresas beneficiarias das liñas 2, 3 e 4 acrediten que non se atopaban en crise con anterioridade ao 31 de decembro de 2019, e que non teñen unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. Para estes efectos, asinarán a declaración responsable recollida no anexo I.