BONOS TALENTO EMPRESA
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2023-2024, en réxime de concorrencia non competitiva, e as axudas concedidas no marco desta orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (memoria proxecto formativo).
b) Anexo III (ficha de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).
c) Anexo IV, declaración da condición de pequena empresa ou microempresa. No caso de empresas vinculadas ou asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos IV-A, IV-B, IV-A.1 ou IV-B.1, segundo corresponda. Tamén como documentación complementaria se deberá achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación das alíneas d) e e) deste artigo.
d) Cando se actúe mediante representación, documento público acreditativo do poder con que actúa a persoa representante da entidade solicitante (escrituras, poder con verificación da suficiencia, entre outros).
e) No caso das entidades que estean obrigadas á inscrición no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizada, na cal se especifique a data de constitución, o obxecto social, sede social e clasificación CNAE. No suposto de que sexan empresas que non están obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia, deberán presentar documentación acreditativa da constitución, na cal se especifique a data en que se produciu esta. No caso de persoas traballadoras autónomas, informe de vida laboral actualizado.
f) Declaración completa do último exercicio fiscal pechado do imposto de sociedades (modelo 200), do imposto da renda das persoas físicas (modelo 100) ou da declaración informativa (modelo 184), segundo corresponda pola forma xurídica da entidade solicitante.
g) Informe de traballadores/as en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data de solicitude da axuda.
Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as microempresas e pequenas empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro
Para obter a condición de beneficiaria destas subvencións requirirase:
a) Asumir a totalidade de dereitos e obrigas inherentes a tal condición, derivada da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
b) Cumprir co estipulado nestas bases reguladoras.
c) Non incorrer en ningún dos supostos recollidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Non ter débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.