INCENTIVOS Á CONTRATACION DE PERSOAS MOZAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTIA XUVENIL
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).
A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas incluídas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, que teñan feito os dezaseis anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, mediante a formalización de contratos indefinidos, de contratos de formación en alternancia ou de contratos de formación para a obtención da práctica profesional, que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
Xunto co formulario de solicitude (anexo I), deberá anexarse a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito, que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) No caso de que a solicitude do incentivo se realice para contratos preexistentes:
– Anexo III asinado por cada unha das persoas mozas contratadas, no cal declara que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.
– Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).
Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.
b) Que ten o domicilio fiscal en Galicia.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. g) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:
a) Que teñan feito os 16 anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
b) Que estean desempregadas, e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego en ocupacións relacionadas coas ofertas de emprego que se presenten ao abeiro desta orde.
c) Que estean inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, contratos de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional.
Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa.
Serán subvencionables nas modalidades de indefinido, formación en alternancia ou para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda, e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran todos requisitos recollidos nesta orde.
No caso de novas contratacións, o período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 30.9.2023.