O Concello e a USC crearán un protocolo de colaboración para mellorar a integración da comunidade universitaria na cidade
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, mantivo esta mañá unha primeira reunión institucional co reitor da USC, Antonio López, tras a que anunciaron a elaboración dun protocolo de colaboración entre o Concello e a USC co obxectivo de favorecer a integración do estudantado na cidade e definir o uso das infraestruturas de ambas institucións que marcará "unha folla de ruta" para os vindeiros anos.
Tras a xuntanza, a alcaldesa expresou a súa intención de establecer unha "comunicación fluída e regular" entre as dúas institucións para establecer "sinerxias" que permitan "a integración da comunidade universitaria coa vida cidadá e un aproveitamento de recursos e infraestruturas, de coñececemento, e de valor engadido".
Goretti Sanmartín salientou que hai un "compromiso claro" desde as dúas institucións para "poñer en funcionamento unha comisión técnica conformada por persoal da USC e do Concello para establecer un protocolo de colaboración" sobre "temas que estean estudados tecnicamente e comprobados desde un punto de vista orzamentario, que sexan realistas e factíbeis para os próximos catro anos".
A rexedora espera que "contra o outono" estea "establecido cal vai ser este marco de colaboración" no que se recollerán temas como a acollida do comunidade universitaria que chega á cidade ou como favorecer a súa "participación normal na vida cultural, deportiva e na vida de cidade". Este protocolo tamén recollerá outras cuestións relacionadas coa vivenda e a utilización de infraestruturas tanto da USC e do Concello.
"Nas próximas semanas comezarán os traballos" para poder contar co protocolo "que marcará unha folla de ruta" para que os seguintes anos sexan "de traballo activo" a través desta "alianza estratéxica" entre as dúas institucións.
A rexedora explicou que a través deste documento estratéxico tamén se abordará o tema dos viarios e o seu estado, e achegará unha "solución definitiva aos temas que teñan que ver coa titularidade" co fin de que as zonas universitarias melloren tanto "desde o punto de vista da accesibilidade como do uso e goce para o conxunto da poboación de Compostela".
Sanmartín expresou a súa intención de que a comisión técnica "se poña a traballar de maneira inmediata", polo que anunciou o inminente nomeamento dos coordinadores por parte do Concello e da USC.
Outro dos asuntos abordados foi a intención conxunta de poñer un marcha unha serie de rutas ciclables para mellorar a conectividade entre os campus, ofrecendo "un servizo de bicicletas eléctricas", así como "favorecer que haxa un mellor transporte colectivo" co fin de reducir o uso de automóbil e lograr "unha humanización maior da mobilidade no conxunto da cidade de Compostela, e de xeito especial, na relación entre os diferentes campus".
Tamén se apostará por crear "sinerxias no que ten que ver coa transferencia de coñecemento que xeran día a día os numerosos grupos de investigación" e para que os proxectos da USC "poidan aproveitarse e reverter na propia sociedade compostelá", tamén "fomentando o emprego e a relación co mundo empresarial para crear un tecido económico diversificado".
Pola súa parte, o reitor da USC, Antonio López, valorou positivamente que a primeira reunión da nova rexedora fose coa Universidade e expresou a total disposición da institución a "colaborar e traballar para facer cidade" a través desta folla de ruta na que se porán a traballar "sen demora".