• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A igualdade de oportunidades e a cohesión social centrarán a temática do 5º Encontro Emprendedor

Data de escritura

O ciclo de Encontros Emprendedores ten marcada a súa vindeira cita o día 20 de xuño, ás 10:00 horas no Espazo galego da Creatividade. Os Encontros Emprendedores presentan iniciativas empresariais desenvoltas en Santiago, que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos.

Quinto Encontro Emprendedor sobre igualdade de oportunidades e a cohesión social

A celebración destes Encontros persegue dous obxectivos principais: por unha banda, dar a coñecer o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030; e por outra, establecer un espazo de encontro, diálogo e debate entre experiencias inspiradoras que motiven ás persoas asistentes a xerar iniciativas económicas arredor dos valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Nesta ocasión, baixo o título "A igualdade de oportunidades e a cohesión social: promovendo actitudes por un mundo mellor", o Encontro Emprendedor abordará a experiencia empresarial da consultoría Promove, liderada en Compostela por tres mulleres que deciden emprender tras a crise de 2008.

Da man de Fátima Roríguez poderemos coñecer máis polo miúdo este proxecto, enfocado na promoción da igualdade e da xustiza social. Teremos a oportunidade de coñecer proxectos relacionados coa recuperación da memoria e identidade de mulleres rurais, a promoción de boas prácticas empresariais en empresas compostelás, ou os Campus emprendemento, un proceso de formación práctica dirixido á mocidade.

Nunha segunda parte do Encontro Emprendedor resérvase un espazo de conversa onde intercambiar ideas e experiencias coas persoas asistentes. Así mesmo, Creativas Galegas ofrecerá un almorzo de produtos galegos.

Este 5º Encontro Emprendedor terá lugar o martes 20 de xuño, entre as 10 e as 12:30 horas, no Espazo galego da Creatividade (Creativas Galegas - Caldeirería 36). As inscricións están abertas e son de balde, a través deste enlace.

Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores estanse a desenvolver ao longo do 2023 coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza