• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

As Cidades Patrimonio reforzan en La Laguna o seu compromiso coa protección dos seus centros históricos e a súa promoción internacional

Data de escritura

O alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu este sábado en La Laguna á Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), a entidade que reúne as 15 cidades recoñecidas pola Unesco polos seus valores universais excepcionais. Tras a protocolaria foto de familia, que tivo lugar na praza do Adelantado, o salón de plenos do Concello acolleu a que é a última asemblea antes da constitución das corporacións locais tras as pasadas eleccións municipais.

Foto de familia dos alcaldes e alcaldesas do grupo
Durante a celebración da Asemblea
Percorrido polas rúas de La Laguna

"É unha honra e unha gran responsabilidade volver contar na nosa cidade coas quince cidades que representan o mellor da marca España", sinalou o alcalde da La Laguna e presidente do Grupo, Luis Yeray Gutiérrez, na posterior comparecencia ante os medios de comunicación, na que estivo acompañado polos alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e de Tarragona, Pau Ricomá, que forman parte da Comisión Executiva.

Luis Yeray Gutiérrez quixo facer un balance da traxectoria do grupo nestes últimos catro anos. "Este foi un período moi complicado para as nosas cidades, pero a pesar do reto que supuxo a pandemia, o GCPHE sae fortalecido", asegurou, "reforzamos as nosas alianzas dentro e fóra do noso país, logramos acordos moi importantes co Goberno de España para o desenvolvemento de políticas de conservación dos nosos centros históricos", dixo en alusión ao convenio alcanzado co Ministerio de Turismo para a para a rehabilitación de monumentos e edificios históricos, por 45 millóns de euros.

"As Cidades Patrimonio adiantámonos no seu momento á recuperación do sector turístico con potentes campañas de promoción e difusión, e unha forte presenza en feiras internacionais, que agora se traducen en cifras de visitantes con niveis anteriores á pandemia", sinalou o presidente do Grupo. "Tamén mantivemos e reforzamos a nosa aposta pola cultura, coa Noite do Patrimonio como exemplo máis destacado, unha xornada que se consolidou como o gran escaparate do que as nosas 15 cidades poden ofrecer no plano artístico e cultural. Nesa liña trazamos alianzas con cidades patrimonio doutros países, como México, Perú e Cuba, que este ano se incorporan á celebración da Noite do Patrimonio, o próximo 17 de setembro".

"Coñecemos cales son as fortalezas das nosas cidades, lugares con valor único e excepcional, que supoñen un atractivo para o turismo de calidade, respectuoso co medio ambiente, que busca experiencias gastronómicas, que quere coñecer a historia e a cultura das nosas cidades, os monumentos históricos e iso posicionounos no panorama nacional e internacional. O Grupo fortaleceuse e así imos seguir traballando coa nova asemblea que se constituirá a finais do mes de xullo", comentou Luís Yeray Gutiérrez.

Tamén os alcaldes de Santiago de Compostela e de Tarragona fixeron balance destes catro anos. "Para algúns foi nosa última asemblea", sinalou Pau Ricomá, "pero vou coa constancia de que este é un Grupo que traballa moi seriamente polo patrimonio e polas cidades. Nese sentido, desexo unha longa vida ao Grupo porque realmente fai un gran traballo".

Pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que lle produce "unha enorme satisfacción" comprobar "que o clima de diálogo, de colaboración e de apoio mutuo se mantén. Paréceme que somos un país enormemente afortunado porque temos un inmenso patrimonio histórico vivo e, xustamente, o gran reto polo que traballamos todas as cidades é por manter ese patrimonio histórico, pero, ao mesmo tempo, manter a vida das distintas cidades".

O presidente do Grupo lembrou que as Cidades Patrimonio teñen o próximo mes de setembro unha cita de enorme relevancia, xa que dan comezo os actos con motivo do 30 aniversario. "A nova comisión de Cultura que se constitúa será a encargada de pechar o programa definitivo de actos desta celebración, que se prolongará de setembro do 2023 a setembro de 2024", anunciou o alcalde, subliñando que o comezo das celebracións terá lugar en Ávila ao redor da data do 17 de setembro, "e só estamos á espera de que a Casa de Real confirme a presenza da súa Maxestade o Rey Felipe VI, para coñecer o día exacto deste acto solemne". Luís Yeray Gutiérrez reiterou tamén o compromiso de Raíña Dona Sofía de asistir ao concerto que terá lugar no outono na Catedral de La Laguna.

Do mesmo xeito, subliñou a vontade do Grupo por continuar a súa presenza internacional con próximas citas no segundo semestre do ano con presentacións en destinos como Italia, Países Baixos, países nórdicos e as cidades de Chicago e Toronto, grazas ao acordo con Paradores e Madrid Destino, ademais de acudir a feiras internacionais en Xapón (JATA de Osaka en outubro) e Londres (World Travel Market en novembro), e ás xornadas profesionais organizadas por Turespaña para apoiar a comercialización de destinos en mercados internacionais.

A Asemblea tamén aprobou a renovación do portal web do Grupo. "Se queremos chegar a todos os puntos do mundo e mellorar en imaxe internacional, está claro que temos que contar cunha presenza na internet de máxima calidade, con máis e mellores contidos, e imos apostar por iso", sinalou Luís Yeray Gutiérrez, quen tamén informou dunha próxima edición especial de 15 libros de viaxes dedicadas a cada unha das cidades, como material para a promoción turística e patrimonial.