Marta Abal destaca na clausura das xornadas "Descubre o talento" a aposta do Concello polas empresas de inserción
A concelleira de Economía, Facenda, Contratación, Persoal e Modernización da Administración Local en funcións, Marta Abal, destacou hoxe na clausura das xornadas "Descubre o Talento", a aposta do Concello de Santiago polos centros especiais de emprego e as empresas de inserción.
O encontro, celebrado na sede da Ásociación Área Empresarial do Tambre, está organizado por Inserta Empleo, a consultoría de Recursos Humanos da Fundación ONCE. Esta xornada enmárcase nunha serie de econtros organizados nas principais cidades galegas e do Estado, co obxecto de visibilizar e difundir os talentos infinitos, e a constatación de que a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade aporta beneficios ás empresas.
Marta Abal felicitou á Fundación Once e a Inserta Empleo polo traballo que realizan en favor da inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, e polo labor de potencialización e visibilización de "todos os talentos". No acto de clausura tamén interviron Beatriz Gallego, directora territorial de Inserta Empleo Galicia; e José Antonio Riveiro, director da Axencia Once en Santiago. O próximo encontro de "Descubre o talento" será o martes, día 6, o polígono Industrial de O Ceao, en Lugo.