A Xunta de Goberno Local aproba a licitación da senda peonil da Silvouta
A xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a licitación das obras da senda peonil da Silvouta, enmarcadas no "Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2022 da Deputación Provincial da Coruña. Esta actuación conta cun orzamento base de licitación de 119.874,48 IVE engadido.
Un dos obxectivos da actuación, é mellorar as condicións de seguridade da zona, debido á proximidade dun centro de ensino e un centro de hidroterapia. Con este fin, proponse a construción dunha senda peonil que independice claramente as circulacións entre vehículos e peóns. Desde a intersección coa AC-543 e pola marxe esquerda aproveitarase a zona actual urbanizada para, mantendo a aliñación marcada pola canle de auga existente, construír unha beirarrúa duns catro metros de ancha.
Actuarase sobre uns 175 metros, e unha vez rematados os traballos, contiuarase pola marxe contraria cunha beirarrúa duns dous metros de ancho, ata pasado o colexio e a piscina de tratamento hidrosanitario. Segundo o proxecto, para a beirarrúa utilizaríase formigón, delimitado por un bordo prefabricado de formigón bicapa. Manterase na zona da marxe esquerda a canle de auga xa instalada. A actuación compleméntase coa recollida de augas pluviais e a súa conexión coas evacuacións existentes, mediante colector de PVC e os pozos e sumidoiros asociados. Tamén se instalará un prisma baixo as beirarrúas para futuras renovacións e soterramentos do cableado e iluminación actual, que contará con arquetas cada 25 metros asociadas tamén aos puntos de luz existentes.
Adxudicacións
Na Xunta de Goberno Local tamén se adxudicaron distintos contratos. De obras no rural, como o da "Senda peonil Rúa da Medorra", na parroquia de Bando, enmarcado no Plan provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2022 da Deputación Provincial da Coruña; a Obras e Viais de Galicia, que presentou unha oferta económica de 168.420,00 euros. Saira a licitación por 173.324,84 euros, co obxecto de mellorar a mobilidade peonil. A actuación contempla a execución dunha senda peonil de 2 metros de ancho medio, unha rede de drenaxe composta por unha canalización de polipropileno, pozos de rexistro e sumidoiros; e a rede de alumeado público con luminarias lead.
E tamén de actuacións en prazas e parques. Como a adxudicación das Obras de reurbanización da Praza de León, en Pontepedriña, a Área Proyección, Construcción y Servicios SLU, por un importe de 187.550 euros; e a "Subministración para a remodelación e creación dun espazo de xogos infantís singulares e naturalizados no parque da Alameda de Santiago a Juegos Kompan, que presentou unha oferta económica de 300.533,75 euros.
Por outra banda adxudicouse o contrato que ten por obxecto, o "Servizo de mantemento e conservación dos campos de fútbol municiapis e zonas verdes anexas ás instalacións deportivas adscritas á xestión do Departamento de Deportes do Concello de Santiago de Compostela" á empresa Prezero España SAU, por un importe total de 943.676,77 euros.
E tamén se adxudicou o contrato de "Subministro de electrónica de rede para a ampliación da infraestrutura de comunicacións e mobilidade do concello de Santiago de Compostela", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, a Acuntia S.A.U., que presentou unha oferta económica de 139.312,45 €, IVE excluído. Este expediente forma parte do Proxecto "Infraestruturas TIC para la Administración Electrónica y la Innovación" que conta coa financiación do "Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) - Estratexia de desenvolvemento Urbano Sostible e Intelixente (EDUSI).
Documentos relacionados