• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno aproba a licitación do servizo de implantación do sistema de sinaléctica intelixente

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de contratación do "Servizo de implantación e posta en funcionamento do sistema de sinalética intelixente do patrimonio cultural da cidade de Santiago de Compostela", cun orzamento base de licitación de 597.539,49 euros; e a licitación do "Servizo dunha Oficina Técnica para a xestión e soporte integral dun Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago", que conta cunha partida de 303.454,62 euros.

Praza da Quintana

O principal obxectivo destas dúas contratacións é a posta en valor do destino para a mellora da experiencia turística das persoas que visitan Santiago de Compostela.Os dous servizos intégranse no Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado entre o Concello de Santiago, o Ministerio de Industria do Goberno Central e a Xunta de Galicia.

Sistema de sinaléctica
"O servizo de implantación e posta en funcionamento dun sistema de sinalización intelixente do patrimonio cultural da cidade", sae a licitación cun orzamento de 597.539,49 euros (IVE incluído). Os traballos que se levarán a cabo contemplan a redacción dun plan de sinalización turística do patrimonio cultural, a implantación dun sistema de información turística e a subministración e instalación de novos elementos de sinalización intelixente.

As tarefas de planificación terán un carácter integral e incluirán no seu alcance a toda a sinalización turística do concello, para a que se fará unha análise da situación actual, unha xerarquización das principais necesidades e un plan de localización e deseño de novos sinais. Por outra banda, a instalación dos novos elementos de sinalización intelixente cinguirase á contorna urbana definida no Plan especial de protección e de rehabilitación da cidade histórica.

Iluminación ornamental
O concello de Santiago de Compostela, no seu compromiso por un desenvolvemento sostible da actividade turística da cidade e co afán de poñer en valor o seu patrimonio como imán para atraer un turismo de calidade, está a traballar na organización dun concurso internacional de iluminación ornamental e artística da contorna monumental da catedral compostelá. O primeiro paso é a contratación dunha oficina técnica para a xestión e soporte integral do devandito concurso, que é o que se licitou hoxe en Xunta de Goberno por 303.454,61 euros (IVE incluído).

Entre as funcións da oficina técnica estarán a redacción das bases do concurso, a elaboración de documentación técnica de soporte aos participantes, a coordinación dun xurado de expertos e a captación de equipos concursantes.

Coa posta en marcha desta iniciativa, o Concello dá resposta á demanda de mellorar a iluminación da cidade histórica, e faino ademais dunha forma novidosa e innovadora, que contribuirá a reducir a pegada de carbono ao mesmo tempo que se incide no embelecemento do casco histórico compostelán. Aspírase a involucrar a estudos e equipos técnicos especializados en deseño de iluminación de prestixio nacional e internacional, que realizarán as súas propostas conceptuais para unha iluminación ornamental e eficiente dun espazo tan singular como é o conformado polas prazas do Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada.

O concurso contará cunha dotación económica que superará os 200.000 euros en accésits e premios e culminará coa elaboración, por parte do equipo técnico gañador, do proxecto de execución que permitirá iluminar estes espazos. Precisamente será a praza de Praterías a primeira na que se implementarán os novos sistemas de iluminación, o cal servirá de proba piloto para substituir a continuación as luminarias das prazas do Obradoiro, Quintana e Inmaculada.

Documentos relacionados