O vindeiro luns, 15 de maio, abre o prazo de inscrición para o "Programa Municipal de conciliación de verán 2023"
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou os prazos de solicitude e o procedemento de admisión do "Programa municipal de conciliación de verán 2023", destinado á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago, que se vai desenvolver nos CEIPs Quiroga Palacios e Monte dos Postes entre o 22 de xuño e o 8 de setembro, ambos incluídos. O prazo de inscrición establécese entre o 15 e o 22 de maio.
Este programa ten, entre os seus obxectivos, favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persona; e dar resposta á necesidade que teñen os menores de ocupar o seu tempo de ocio e tempo de lecer no verán, de xeito dinámico e divertido e desde unha perspectiva perspectiva educativa e integradora.
O programa divídese en seis quendas. A primeira, de sete días, do 22 ao 30 de xuño, inclusive. A segunda, de 10 días, do 2 ao 14 de xulllo. A tercera, de 9 días, do 17 ao 28 de xullo. A cuarta, tamén de dez días, do 31 de xullo ao 11 de agosto. A quinta, do 14 de agosto ao 1 de setembro. E a sexta e última, desenvolverase do 4 ao 8 de setembro inclusive. Os días festivos non hai servizo.
Para a primeira quenda hai unha previsión de 165 prazas en actividades, 60 para almorzo e 105 para xantar. Na segunda e na terceira quenda, a previsión é de 225 prazas para activiades, 90 de almorzo e 135 de xantar. Na cuarta e quinta quenda, hai unha previsión de 90 prazas para actividades, 60 para almorzo e 60 para xantar. E na sexta quenda a previsión é de 135 prazas para actividades, 60 para almorzo e 90 para xantar. O servizo de almorzo e xantar prestarase cando haxa un mínimo diario de 15 solicitantes. En canto o desenvolvemento das actividades, intercalaranse as lúdicas, artísticas e deportivas, con xogos e obradoiros.
Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para as quendas segunda, terceira, cuarta e quinta é de 34 euros. Se a nena ou neno vai só a actividades, é de 18 euros; engadindo o xantar, 28 euros; e con almorzo 24 euros.
Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para as quendas primeira e sexta son de 17 euros. Se a nena ou neno vai só a actividades, é de 9 euros; engadindo o xantar, 14 euros; e con almorzo 12 euros.
Estes prezos tan reducidos, son posibles grazas á bonificación media do 85% aportada polo Concello de Santiago co obxecto de que sexa accesible para todos os niveis de renda e amorteza o impacto orzamentario das condicións económicas inflacionarias na renda familiar.
Este programa de conciliación está destinado a nenas e nenos que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria (ambos os dous inclusive). As persoas usuarias deberán estar empadroadas no noso concello ou escolarizados nun centro de ensino de Compostela.
O prazo de inscrición ábrese o luns, día 15 e finaliza o luns, 22 de maio, ambos incluídos.
As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado, nos prazos establecidos ao efecto, a través da sede electrónica do Concello de Santiago, no trámite "Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación" dentro do catálogo de trámites dispoñible; ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras).
Das prazas ofertadas, reservaranse 15 por quenda para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago e terán carácter de acceso directo ao programa.