• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AGAPI presenta o Estudo cualitativo ‘2022, Ano de cambios no audiovisual galego’, realizado co apoio do Concello de Santiago

Data de escritura

AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes) presentou hoxe a a edición dixital do Estudo cualitativo ‘2022, Ano de cambios no audiovisual galego’, que recolle unha serie de reportaxes sobre as produtoras galegas independentes para entender o estado actual do noso audiovisual. Na rolda de prensa estiveron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o presidente e a xerente da entidade, Felipe Lage e Uxía Caride.

A concelleira Mercedes Rosón con Felipe Lage e Uxía Caride durante a rolda de prensa

 

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación do Estudo cualitativo ‘2022, Ano de cambios no audiovisual galego’, unha edición dixital que conta co apoio do Concello de Santiago e que pretende ser unha continuación da publicación do ano 2021 ‘Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas’.

Durante a rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón recordou que para o Concello é "moi importante colaborar con este tipo de publicacións, porque nos permiten coñecer, dun xeito directo, na voz dos propios produtores, como se atopa a industria audiovisual na capital de Galicia. Un sector xa consolidado e en constante crecemento; pero que non debemos descoidar. Temos que coñecer as súas potencialidades e as súas eivas. E esta información proporciónaa este estudo cualitativo".

Mercedes Rosón tamén fixo fincapé no compromiso do Concello con este sector, xa que "sempre será unha aposta segura". "En Santiago enorgullecémonos de ser berce dunha industria de referencia dentro do sector a nivel autonómico e nacional, pola seus elementos diferenciadores e pola súa gran calidade, e de contar coa sede de AGAPI, a gran entidade de referencia para o sector audiovisual", engadiu.

Seguindo coa colaboración iniciada no ano 2021 na que se presentaba o ‘Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas’ que facía balance do impacto da pandemia, seguida no ano 2022 coa publicación do estudo cualitativo sobre a consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional, chega neste ano 2023 o ‘Estudo cualitativo sobre os cambios no audiovisual galego’, facendo un balance de todo o acontecido nos últimos meses no sector.

Este traballo presenta unha serie de reportaxes coas principais responsables a nivel creativo e empresarial das produtoras galegas independentes co fin de medir o pulso e estado do noso audiovisual, tratando cuestións como os Fondos Hub ou a situación do tecido empresarial galego no mercado internacional.

O estudo comeza facendo un percorrido polo tecido asociativo audiovisual emprazado na cidade de Compostela. Continúa cunha serie de reportaxes de empresas de produción audiovisual emerxentes para pasar a abordar cuestións de suma importancia polo seu impacto en termos económicos como son os fondos europeos (Fondos Hub) e a recuperación do ‘fondillo’ para o fomento das linguas cooficiais. Ambas medidas permiten a expansión dun xeito natural das empresas galegas no mercado internacional como recolle esta publicación na súa parte final, centrando a atención en aspectos tan diversos como a animación, a importancia de festivais e mercados, os laboratorios de creación ou os cambios nos modelos de consumo.

Este estudo en formato dixital é unha ferramenta de grande utilidade porque permite poñer voz aos produtores e produtoras para achegar coñecemento de forma directa nun sector cambiante que necesita actualización continuada de contidos. Publicacións coma esta supoñen unha oportunidade para difundir e poñer en valor a produción independente xerando un coñecemento de calidade moi valioso pola súa achega de testemuñas en primeira persoa.

O estudo está dispoñible para a súa libre consulta na páxina da AGAPI.

Direccións relacionadas