O Concello ofrece un paseo nocturno pola cidade no marco do programa Slowlight
O vindeiro 15 de maio o Concello de Santiago súmase á celebración do Día Internacional da Luz cun paseo nocturno para que a cidadanía poida reflexionar sobre o impacto da iluminación na paisaxe nocturna da vila. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de maio.
Con motivo do Día Internacional da Luz (DIL 2023) que se celebra o vindeiro 16 de maio, o Concello de Santiago ofrece un paseo nocturno o luns 15 de maio co fin de concienciar á cidadanía sobre o uso responsable da iluminación artificial. Esta iniciativa, que se realiza de forma simultánea en varias cidades, está promovida pola Asociación SLOWLIGHT e a Asociación de Deseñadores Profesionais de Iluminación APDI, co apoio das empresas FERROVIAL e TELEVÉS.
Os paseos nocturnos Slowlight-APDI realizaranse en grupos de 25-30 persoas que percorrerán as rúas e prazas de Compostela, co fin de descubrir os detalles que conforman a paisaxe nocturna da cidade e como contribúen de xeito positivo ou negativo ao seu embelecemento e lexibilidade. O paseo estará guiado por un experto en iluminación que irá reflexionando en voz alta sobre diferentes aspectos técnicos e emocionais da paisaxe nocturna, promovendo o diálogo cos asistentes para coñecer a súa percepción e a súa opinión sobre as cuestións expostas.
Os paseos terán lugar o días 15 de maio con saída da praza Roxa ás 21:30 h e chegada aproximada á praza do Obradoiro sobre as 23:30. Todas as persoas interesadas, poderán inscribrirse a través deste formulario antes do 10 de maio.
Esta iniciativa desenvólvese no marco do compromiso Slowlight, ao que se adheriu o Concello de Santiago, que pretende mellorar a contorna a través da luz, tanto no ámbito urbano como no rural, creando espazos nocturnos en harmonía, cunha iluminación intelixente e sustentable onde tanto a luz como a escuridade sexan protagonistas no deseño da paisaxe nocturna.
DIL 2023
O Día Internacional da Luz é un evento internacional administrado polo Programa Internacional de Ciencia Básica (IBSP) da UNESCO. En España, coordínase desde o Comité Español do Día Internacional da Luz, que agrupa aos principais axentes relacionados coa ciencia e tecnoloxía da luz, tales como sociedades científicas, centros de investigación, universidades, consorcios e plataformas tecnolóxicas, empresas, etc).