Santiago recibe os fondos Next Generation para a consolidación do Anel verde de Compostela
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de conceder 3.613.586,17 euros de fondos Next Generation ao "Proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago. Entre o Sar e o Sarela", que contempla cinco actuacións: o barrio verde de Pontepedriña, a lagoa do Auditorio, o xardín botánico, a lagoa de Cornes, e a renaturalización do monte do Viso. Todas elas reciben financiación, segundo destacou o alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, quen incidiu na importancia do proxecto para Compostela.
O investimento contemplado no proxecto é de 3.803.774,91 euros, sen IVE. Os 190.188,74 restantes aportaraos o Concello de Santiago e a USC, xa que se tratada dun partenariado entre ambas institucións. A esta cantidade sumaríaselle o IVE, 677.180,92; polo que o custe total sería de 4.480.955,83 euros. O "Proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago. Entre o Sar e o Sarela", presentárase á "Convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidade", en réxime de concurrencia competitiva, no marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), que acaba de ser resolta de xeito provisional.
Incluído na Extratexia Plurianual do Real Padroado e tamén na Axenda Urbana 2030, aprobada pola Corporación municipal, este proxecto ten como obxectivo " impulsar a renaturalización urbana e a infraestructura verde de Santiago, que favorezca a conectividade ecolóxica do Anel Verde exterior coa trama urbana, impulse a rexeneración e recualificación de áreas degradadas e renaturalice ámbitos urbanos para acadar unha mellor habitabilidade da cidade, ámbitos naturais máis ecolóxicos e servizos ecosistémicos reforzados, aumentando a adaptabilidad da cidade antes os efectos do cambio climático, mediante o deseño dunha paisaxe resiliente; incorporando a gobernanza e participación social arredor dela baixo unha perspectiva inclusiva de xénero".
As cinco actuacións integradas no proxecto son o "Barrio Verde de Pontepedriña", que contempla a a renaturalización da zona e creación dun corredor ecolóxico urbano. O ámbito de actuación é o barrio de Pontepedriña entre a rúa do escultor Camilo Otero, a praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado. Esta zona presenta un elevado potencial para impulsar unha renaturalización de alto impacto, ao limitar co Parque Eugenio Granell, parte do Anel Verde exterior. O investimento estimado é de 1.785.685,25 euros, sen IVE. Esta actuación daría continuidade ao proxecto do Restollal, cun carríl para cada sentido da circulación, e un carril bici na marxe esquerda que se completaría coa presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual.
A seguinte actuación é a "Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia, restauración fluvial do Río Corgo e mellora ecolóxica", que contempla un investimento estimado de 816.494,25 euros, sen IVE. Proponse a reparación do vaso da lagoa, mellora da impermeabilización e a eliminación do sedimento acumulado, a restauración da canle fluvial do río Corgo (nas zonas dos xardíns do Auditorio, Finca de Lois e parque das Nacions), a colocación de illas flotantes vexetais que contribúan á oxixenación e depuración da auga, e a transformación da iluminación da contorna, previo estudo, acadando o equilibrio entre a iluminación funcional e a preservación da biodiversidade.
A terceira, tamén de consolidación do Anel Verde exterior e a "Restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico". Ten un investimento estimado de 219.256,60 euros. Procúrase a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela, así como reforzar a restauración do bosque autóctono de carballeira e acondicionar a rede de carreiros internos das áreas verdes e zonas de estancia, incluíndo medidas de accesibilidade.
A cuarta actuación, tamén incluída na consolidación do Anel Verde exterior, é a "Recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes". A proposta,que contaría cun orzamento estimado de 225.724,37 euros, propón actuar no espazo periurbano situado entre o Parque Eugenio Granell e o desenvolvemento urbanístico na contorna do antigo núcleo tradicional de Cornes, espazo delimitado entre a rúa Escultor Camilo Otero, o trazado da liña ferroviaria e a infraestrutura de circunvalación SC-20, contorna no que destaca a presenza dunha lagoa natural. En concreto, proponse a eliminación de residuos de orixe urbana e de especies exóticas invasoras e a recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñando unha rede de novos sendeiros que dea conectividade entre Conxo, Cornes e Pontepedriña; e acometendo medidas de illamento acústico e visual da área mediante a creación de pantallas vexetais formadas por especies arbóreas e arbustivas autóctonas.
E a quinta e última actuación, tamén de consolidación do Anel Verde exterior, é a "Restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso", que contaría cun investimento estimado de 175.542,30 euros. Farase unha substitución de especies exóticas por plantas nativas: bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas; tomaranse medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre; e reforzaranse as sendas interiores para facilitar o seu uso, dotándoa das medidas de accesibilidade universal correspondentes.