A Xunta de Goberno ten previsto aprobar este luns a licitación da reforma do Mercado de Abastos
A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar, este luns, a licitación do "Proxecto básico e de execución da reforma da Praza de Abastos", que conta cun orzamento base de licitación de 518.710,53 euros, IVE engadido. O proxecto contempla actuar sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central.
O Mercado de Abastos localízase nun inmoble de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado (a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo) á empresa TRAGSA, e que se executaron en 2014. Desde que remataron as estas obras, o edificio ven arrastrando unha serie de deficiencias recollidas no "Informe sobre o estado da Praza de Abastos de Santiago de Compostela".
Este informe enumera as patoloxías que sofre na actualidade o inmoble, ademais de analizar as causas que as provocan e cal sería o protocolo a seguir para corrixilas. As patoloxías recollidas no documento son:
1. Marquesiñas de vidro: dos tipos A, B e C.
2. Desprendemento do revestimento do teito dos aseos
3. Portas dos aseos
4. Portas corredeiras das naves
5. Enreixados de entrada ás naves
6. Ascensor
7. Estores verticais sobre a muralla
8. Póstos exteriores, bancos e parasoles
9. Instalación de fontanería dos aseos xerais
10. Cuarto de baño adaptado
11. Condensacións nos aseos da nave 5
12. Estado das cubertas da nave
13. Bandexas de instalacións
14. Mobiliario de aceiro no edificio de obradoiros
15. Deficiencias na instalación eléctrica da torre
16. Estado do espazo do grupo electróxeno
Todas as actuación recollidas no informe, consensuadas cos praceiros e a xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible, tanto para os praceiros como para os consumidores.
No proxecto que irá a Xunta de Goberno dáse solución a unha parte destas patoloxías. En canto ao resto, algunhas delas xa foron resoltas polo propio mantemento da Praza de Abastos, e outras, as consideradas máis urxentes, xa están atendidas. Agora, unha vez que se adxudique o contrato, procederase a intervir sobre os elementos pendentes.
Un destes elementos son as marquesiñas de vidro. Segundo os planos recolleitos no proxecto de 2006, existían tres tipos de marquesiñas:
1.Tipo A: as marquesiñas situadas na cabeza sur, de comunicación co edificio de obradoiros.
2.Tipo B: marquesiñas centrais de comunicación entre as naves.
3.Tipo C: marquesiñas sobre os postos da muralla.
Respecto das marquesiñas tipo C, as propostas de actuación, que non prevén modificacións na estrutura existente, pasan por eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Entre as actuacións contempladas figuran darlle unha pendente mínma de 1,5% ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón existente; e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se plantexa un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento.
Nas marqueiñas tipo A e B proponse unha intervención similar á das marquesiñas tipo C, mantendo no posible o conxunto, e mediante a substitución dos elementos que resolvan as filtracións de auga e o dificil mantemento do falso teito. Deste xeito, mantense o canlón existente pero prevese a súa limpeza así como a revisión de selaxes e unións con estrutura metálica existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento será substituído por unha malla permeable á luz que sirva para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.
Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, en mal estado de conservación, proponse unha nova localización entre piares. Esta nova distribución facilita o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas. Colocaránse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotaranse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizaranse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.
En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, proponse instalar novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, as portas estarán provistas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, o que protexerá aos vidros dos golpes nos bordos. Unha delas xa se mudou, a través dun proxecto piloto, e agora vanse cambiar o resto.
O cuarto de baño adaptado está instalado no ámbito do edificio dos obradoiros e vese afectado por continuos atascos. Para solucionalo, substituirase a arqueta exterior por outra de maior tamaño e mellor executada que responda ás necesidades das acometidas que recibe.
A torre central onde se sitúan os servizos administrativos presenta unha serie de deficiencias na instalación eléctrica. Realizarase unha instalación interior nova conservando as luminarias, pero renovando o cadro de cada planta e o seu cableado de distribución interior para que os circuítos queden ben diferenciados.
O tempo estimado para a execución destes traballos, é de 26 semanas, en prexuízo, segundo consta no proxecto, "de posibles limitacións á dispoñibilidade física e/o temporal do ámbito de actuación que puidesen conlevar a necesidade de establecer fases de obra que supuxesen na práctica unha ampliación do prazo inicialmente estimado". Os traballos están programados en horario de tarde, para facilitar, na medida do posible, o correcto fundionamento da praza.