O Cambio Climático e a Resiliencia centrarán o martes 25 de abril o terceiro Encontro Emprendedor da Axenda Urbana 2030 de Santiago
O ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 de Santiago continúa a súa andaina coa terceira sesión. Desta volta, centrarase na temática do Cambio Climático e a Resiliencia. A cita terá lugar o vindeiro martes 25 de abril entre as 10.00 e as 12.00 horas no Mercado Galego da Creatividade (Creativas Galegas). A asistencia é de balde, previa inscrición a través do seguinte formulario en liña.
A xornada estará protagonizada por Miguel Pardellas Santiago, de Feitoría Verde. Esta cooperativa conta cunha extensa traxectoria promovendo proxectos participativos arredor da educación e o coidado ambiental. Neste senso, o testemuño de Pardellas servirá como exemplo de contribución á loita contra o cambio climático e a resiliencia, poñendo o foco na acción comunitaria para o coidado da contorna de Compostela.
Entre as experiencias que se exporán neste terceiro Encontro Emprendedor da Axenda Urbana 2030 atópanse iniciativas vencelladas á contorna de Santiago como Descarboniza! Que non é pouco. Trátase dun proxecto de longo percorrido acompañando a comunidades que queren organizarse para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma individual e colectiva. Neste senso, detallaranse as propostas desenvolvidas xunto co Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.
Por outra banda, e en relación ao risco climático que supoñen os incendios forestais, Miguel Pardellas presentará o proxecto Batefogo. Esta acción pretende compaxinar a prevención de lumes e a dinamización económica e social do medio rural.
Unha vez finalizada a intervención do relator desta sesión, ofrecerase un espazo de reflexión conxunta. Nel, todas as persoas asistentes poderán achegar as súas ideas para paliar e conter este reto considerado de máxima prioridade para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela.
Para solicitar máis información sobre esta xornada, as persoas interesadas pódense pór en contacto a través do enderezo electrónico encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.