BOLSAS DE FORMACION DA DIRECCION XERAL DE COMERCIO E CONSUMO
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
ORDE do 5 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN225A).
As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e do seu ámbito.
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos á actividade comercial, ao estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, ao sector da distribución e ás estruturas comerciais. O programa formativo poderase estender a todas aquelas materias de comercio e artesanía sobre as cales o centro directivo ten competencia.
O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2023, cunha duración máxima de sete meses e medio, contados desde a data de incorporación das persoas bolseiras ata o 31 de decembro.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
a) Certificado de Celga 4 ou equivalente no caso de non estar expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
b) Certificación académica persoal de carácter oficial en que conste a nota media do expediente académico da titulación.
c) Currículo no cal se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.
Persoas que teñan unha titulación universitaria de licenciada/o ou de grao para que complementen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.
Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciada/o, arquitecta/o, enxeñeira/o ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2014 ou posterior.
d) Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.
e) Non ter renunciado ás bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo na anterior convocatoria.
f) Non ter emprego remunerado.
g) Non desfrutar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.
h) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseira/o.
i) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño)