• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de acondicionamento do segundo tramo da Vía Verde de oito quilómetros de lonxitude

Data de escritura

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto construtivo da obra de acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 2 (t.m. de Santiago de Compostela), cunha lonxitude total a acondicionar de 8.015 metros e un investimento previsto, segundo o proxecto, de 1.023.407,8 euros.

Plano do segundo tramo da vía verde en Santiago
Zona pola que transcorre a vía verde

O Concello de Santiago de Compostela encomendou á Fundación dos Ferrocarrís Españois (FFE) a redacción deste proxecto, no tramo comprendido entre un camiño veciñal situado entre os túneles 2 e 3, no punto quilométrico 2,165 que corresponde ao final do tramo 1, e a ponte sobre o río Tambre, no punto quilométrico 10,180. Todo este tramo 2 transcorre íntegro polo concello de Santiago.

Neste tramo, a Vía Verde atravesa o túnel de Reconco, de 390 m de lonxitude, que se atopa en bo estado estrutural, aínda que presenta algúns problemas no recubrimento e filtracións con pingadas localizadas. Tamén atravesa dúas pontes, o viaducto de Reconco sobre o regato Sionlla, no quilómetro 3,633, de 109 m de lonxitude; e o viaducto sobre o río Tambre, no quilómetro 10,135, de 93 m de longo.

A redacción do proxecto deste tramo 2 está cofinanciada pola Deputación da Coruña, a través do Convenio de colaboración entre o organismo provincial e os concellos de Santiago de Compostela, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda. Esta actuación, correspondente ao tramo 2, que está incluída no Plan Director de Mobilidade Ciclista da Deputación da Coruña, conta coa supervisión favorable do servizo provincial de Asistencia Técnica a Municipios.

Entre as actuacións que se van realizar figura o acondicionamento do acceso á estación de Verdía, no punto quilométrico 4,90, coa adecuación dunha área de descanso, no quilómetro 5, na que se proxecta a instalación de equipamento como bancos, mesas, aparcabicis, e unha estación de recarga para bicicletas eléctricas.

Tamén contempla o tratamento herbicida, roza e retirada de vexetación e cascallos e lixos, no seu caso; o reperfilado e nivelación da capa de balasto existente; o estendido e compactación dunha capa de zahorra de espesor medio de 15 cm.; e o perfilado e execución de cunetas.

As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un "novo produto", perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.

Ao tratarse dun proxecto de acondicionamento dunha infraestrutura preexistente, as obras a executar correspondentes á drenaxe lonxitudinal da plataforma limítanse, en xeral, á limpeza e reapertura das antigas cunetas que foron suficientes durante a explotación do ferrocarril, xeralmente escavadas en terreo natural, e que hoxe día se atopan enterradas na súa maior parte.

Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, tipo balaustrada rústica e varanda metálica nos viaductos; elementos de protección e información que garantan a seguridade das persoas usuarias; así como equipamento e mobiliario (en madeira) de servizos, tales como aparcadoiro de bicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso.

Na estación de Verdía situarase unha estación de recarga de bicicletas eléctricas. Tamén se instalará un sistema de conteo bidirecciónal, por sensores, tanto de peóns como de ciclitas, co obxecto de avaliar o impacto económico do turismo e comparar os datos con outros contadores ubicados na Vía Verde. No túnel, a iluminación farase mediante lámpadas de LEDs de 30 W que se colocarán, segundo o proxecto, cada 25 m.

A iniciativa de recuperación de antigos trazados ferroviarios realízase no marco do Programa Vías Verdes, coordinado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois (FFE), a cal desempeña, ademais, as funcións de información e promoción do Programa. Así mesmo encádrase no Programa de Camiños Naturais, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Está destinado á recuperación ambiental para usos deportivos, recreativos, turísticos e de mobilidade non motorizada de antigas infraestruturas ferroviarias lineais en desuso. Co aproveitamento destas infraestruturas ferroviarias como Vías Verdes téntase dar resposta aos seguintes obxectivos:

Manter o dominio público das infraestruturas.

Frear a súa deterioración unha vez abandonados os seus usos funcionais.

Fomentar actividades económicas e de creación de empregos estabilizando a poboación no seu lugar de orixe.

Potenciar actividades alternativas: culturais, educativas ou recreativas (sendeirismo, cicloturismo, rutas dacabalo, remo, paisaxismo).

Incorporar as infraestruturas en desuso ao equipamento social como apoio ás súas funcións convencionais, e con obxecto de complementar outros desenvolvementos alternativos, turísticos, recreativos, etc.

Documentos relacionados