Aprobado o proxecto de regulamento do Consello Municipal da cidade histórica
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de Regulamento do Consello Municipal da Cidade Histórica. Dito Consello é un órgano colexiado de participación para a consulta, asesoramento, proposta e seguimento das accións encamiñadas á conservación patrimonial, promoción e representación dos intereses colectivos das persoas que residen na zona vella.
Este Consello está integrado pola presidencia, dúas vicepresidencias; as vogalías, e a secretaría. Na designación dos seus membros promoverase a presenza equilibrada de homes e mulleres, dacordo co establecido no artigo 16 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
A presidencia ocuparaa aquela persona que ostente a alcaldía de Santiago. Unha das vicepresidencias corresponderalle a persoa titular da concellaría de Cidade Histórica, e a outra será desiganda polo Consello a proposta da presidencia. Na vogalía estarán representantes dos grupos políticos da Corporación municipal; do Consorcio da Cidade de Santiago; da USC; do Colexio Oficial de Arquitectos; e das asociacións veciñais, de comerciantes e culturais da cidade histórica.
A actuación do Consello, no marco das competencias que ten atribuídas o Concello de Santiago, comprende todas aquelas materias representativas de intereses colectivos da veciñanza e entidades domiciliadas na cidade histórica ou que pola súa actividade e fins estean relacionados con ese ámbito da cidade. Ademais, poderá colaborar con outras administracións e entidades, públicas ou privadas, para o mellor desenvolvemento das súas funcións e satisfacción dos seus fins nas materias comprendidas no seu ámbito de actuación.
Son funcións deste Consello canalizar a participación comunitaria, nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.
A duración do mandato dos membros do Consello será de catro anos, agás no suposto dos representantes das asociacións veciñais, de comerciantes e culturais, designados entre os socios e socias; que será du ano e que rotará segundo acorden.
Entre os dereitos e obrigas dos membros do Consello figuran: propor asuntos para incluír na orde do día das sesións, participar nos debates das sesións, formular propostas en relación cos asuntos fixados na orde do día, exercer o seu dereito ao voto e formularen votos particulares, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican ou formular iniciativas, preguntas e suxestións, etc.
A partir de agora, e unha vez aprobado en Xunta de Goberno, este regulamento continúa a súa tramitación. Enviarase a Pleno, previo ditame da Comisión informativa correspondente. No caso de ser aprobado, publicarase no BOP, e realizarase o trámite de audiencia de 30 días hábiles para a presentación de reclamacións. De non haber reclamacións, o acordo de aprobación inicial elevarase a definitivo