A Oficina Nacional de Avaliación da luz verde ao estudo económico e o prego de condicións para o transporte urbano
O novo contrato que renovará toda a flota de autobuses continúa agora coa tramitación da licitación.
Foi na sesión plenaria deste xoves na que a Oficina Nacional de Avaliación deu luz verde aos pregos de condicións e ao estudo económico, preceptivos, para continuar co trámite habitual avanzando na licitación do mesmo.
Logo de varias modificacións obrigadas no estudo económico, derivado dos desaxustes provocados pola pandemia e os seus efectos, co visto bo do órgano nacional que se encarga de analizar a sostibilidade financeira dos contratos de concesión de servizos, "procederemos coa tramitación la licitación" explica o alcalde.
"Tamén o cambio das directrices europeas, esixindo que tódolos vehículos fosen cero ou baixas emisións e a subida dos tipos de interese relentizaron o proceso" explica Sánchez Bugallo, posto que isto obrigou a refacer o estudo económico.
Flota totalmente renovada, de baixas emisións e accesible
O novo prego contempla "a renovación completa de toda a flota, serán 58 os novos autobuses que circulen pola nosa cidade, eléctricos ou de baixas emisións" explicou o alcalde, indicando ademais que co novo contrato se mellorará a accesibilidade de todos os autobuses: "todos contarán con rampla automática e manual, e a isto sumaráselle un novo sistema de aviso de paradas, incorporando aos autobuses unha pantalla coa que se poderá ver cal é a próxima parada, e cun aviso sonoro pensando na inclusión das persoas con algunha discapacidade auditiva".
Ademais, o novo contrato implicará a mellora do sistema de información, "teremos unha nova aplicación e unha nova web", incluíndo ademais en tódolos autobuses o pago con tarxeta aplicando as novas tecnoloxías.
Mentres, avanza a redacción do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) "co que, en base a esa información, poderemos mellorar o servizo e o deseño das rutas" recalcou o alcalde.