O Centro Xove de Creación Cultural achega á mocidade os proxectos da Axenda Urbana 2030 de Santiago cunha ampla programación de actividades
As propostas, que se desenvolverán entre os meses de abril e novembro, están dirixidas á poboación de entre 14 e 35 anos residentes no municipio. Cociña ecolóxica, videoarte, serigrafía, xornalismo, arte performativo, obradoiros de formación para bandas ou herboloxía son algunhas das iniciativas previstas.
O Centro Xove de Creación Cultural vén de poñer en marcha unha ampla programación de actividades coas que pretenden achegar á mocidade de entre 14 e 35 anos do municipio os proxectos da Axenda Urbana 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que persegue. As propostas desenvolveranse entre os meses de abril e novembro.
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou a importancia deste programa, xa que "procurará a implicación da nosa mocidade nos cambios precisos para acadar unha cidade máis compacta, sustentable e resiliente. Eles e elas son o noso futuro e queremos que se impliquen na transformación sostible do Santiago do 2030". Neste senso, o rexedor animou a mozas e mozos residentes no municipio a "participar nestas propostas que contan con temáticas do máis variadas".
As iniciativas desenvolverase no Centro Xove da Almáciga -salvo nos casos de actividades no exterior- e comprenden tres programas: Participa!, Aprendizaxes permanentes e Espazos CX e Puntos de Encontro. As 8 propostas son de carácter gratuíto, previa inscrición entre os días 30 de marzo e 8 de abril, ambos incluídos. Toda a información está dispoñible na web centroxove.com.
Oito iniciativas sobre diferentes temáticas
O programa Participa! comprenderá o desenvolvemento de 6 iniciativas:
• Iniciación ao Xornalismo: a través de diversos obradoiros, presentaranse as diferentes temáticas incluídas dentro da AUS230 para que a mocidade implicada reflexione sobre elas. Da devandita reflexión conxunta, procederase á elaboración dunha revista propia -que se difundirá no propio CX e a través da web e das redes sociais- e dun podscast, cuxas entrevistas, reportaxes e informacións serán elaboradas polas mozas e mozos participantes nesta proposta. Este proxecto comprenderá 12 sesións de dúas horas de duración e comezará o 13 de abril.
• Videoarte: potenciarase a creación dun produto audiovisual grupal centrado na arte como disciplina e integramente en galego. Serán sesións de dúas horas de duración, que comezarán o vindeiro martes 12 de abril.
• Obradoiros de formación para bandas. Do local de ensaio ao directo: transmitiranse á mocidade coñecementos sobre o funcionamento do sector musical, tratando os diferentes aspectos implicados na posta en marcha de bandas de música. As sesións formativas complementaranse con masterclasses que traerán a profesionais de referencia neste eido. Este proxecto comprenderá 12 sesións formativas de 3 horas de duración -a realizar durante 6 meses- e comezarán o sábado 22 de abril.
• Serigrafiando e recreando identidades: promoverase a economía circular e o consumo responsable a través de obradoiros de customización de roupa que permitirá a creación dunha liña téxtil vistosa que será agasallada á cidadanía, promocionando, deste xeito, o movemento zero waste. As sesións -de dúas horas á semana- desenvolveranse ata o mes de xuño e comezarán o 12 de abril.
• Obradoiro de performance: co obxectivo de fomentar unha vida sana e o benestar persoal, proponse a aprendizaxe de disciplinas como performance, teatro, teatro musical ou cabaret. Esta iniciativa permitirá a exploración dun espectáculo de vangarda no que se combinan elementos de artes e campos diversos -música, danza, teatro e artes plásticas-. Froito desta formación procuraranse establecer sinerxías entre a mocidade participante e as bandas residentes, promovendo colaboracións nas súas actuacións ou videoclips. As sesións (de 2 horas semanais) desenvolveranse ata o mes de xuño e comezarán o venres 14 de abril.
• Herboloxía. Saídas culturais: un paseo pola Selva Negra: neste caso, organizarase para o 29 de abril unha andaina desde o río Sarela até a Selva Negra, identificando as especies botánicas do lugar e usos propulares.
Pola súa banda, as Aprendizaxes permanentes comprenderán un Obradoiro de Cociña Saudable, que se desenvolverá ata o mes de xuño. Nas sesións, que comezarán o luns 10 de abril, mesturaranse pequenas accións formativas sobre hábitos de vida saudable coa elaboración de diferente tipo de receitas.
Finalmente, o programa Espazos CX e Puntos de Encontro ofrecerá a iniciativa O café das 6. Esta comprenderá a creación de grupos de conversa e conexión entre a mocidade compostelá, de xeito que conte cun espazo de seu para falar e ser escoitada. Deste xeito, traballarase o seu benestar emocional tratando temas mensuais con profesionais que acheguen máis información sobre aspectos de interese que saian do diálogo do grupo. As sesións (de dúas horas á semana) estenderanse até novembro e comezarán o 10 de abril.
Desde o Centro Xove da Almáciga salientan a importancia de implicar á poboación de entre 14 e 35 anos nos proxectos de futuro da cidade. Ao tempo, anímanos a participar nestas variadas propostas que procuran contribuír a acadar os ODS da AUS 2030.
ODS 11
A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.
Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.