SUBVENCIONS A FESTIVAIS DE MUSICA E DE ARTES ESCENICAS
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).
Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).
Nesta convocatoria establécense dúas modalidades:
– Modalidade A: festivais de música.
– Modalidade B: festivais de artes escénicas.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:
Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:
– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda
– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
Xunto coa anterior documentación deberán presentar a documentación específica para cada unha das modalidades:
Modalidade A: festivais de música.
Modalidade B: festivais de artes escénicas
Modalidade A: festivais de música.
Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.
Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
Modalidade B: festivais de artes escénicas.
Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.
Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas.
Para poder optar a estas axudas, tanto na modalidade A como na modalidade B, o festival obxecto da solicitude deberá cumprir cos seguintes requisitos comúns:
– Debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2022 ata o 31 de outubro do ano 2023. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2023 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
– Ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos específicos para cada modalidade:
– Modalidade A: festivais de música
• Ten que desenvolverse dentro dun único período de quince días; e dous dos días, como mínimo, deben ser consecutivos.
• Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.
• Un mínimo do 80 % dos concertos programados teñen que ser con entradas de pagamento.
• A programación deberá estar conformada por un mínimo de catro grupos por día.
– Modalidade B: festivais de artes escénicas.
• Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.
• A programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia debe representar, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.
• Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa.
• A programación debe estar conformada por un mínimo de seis compañías.