• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello impulsa o proceso de escoita cidadá na elaboración do PMUS coa celebración do I Foro de Mobilidade

Data de escritura

O obxectivo do PMUS é "recoller os datos e escoitar a veciñanza para planificar a mobilidade do futuro" recalcou o alcalde, Sánchez Bugallo, que destacou que a partir do PMUS se definirán o próximo ano a ordenanza de circulación, a que regulará o reparto de mercadorías no casco histórico e a que definirá as zonas de baixas emisión. O alcalde que se felicitou polo éxito da convocatoria ante un auditorio do CSC Santa Marta sen ningún asento libre.

O Alcalde deu a benvinda ao I Foro de Mobilidade
Membros do goberno I Foro de Mobilidade
O concelleiro de Mobilidade
Imaxe do CSC de Santa Marta cos asistentes

O Concello de Santiago abre o proceso de consulta pública para a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) cun primeiro encontro participativo. Co horizonte de contar con ese documento de análise que recolla as necesidades de mobilidade de toda a cidadanía a finais deste mesmo ano, o alcalde destacou a importancia de contar con esta información para definir o "futuro da mobilidade da nosa cidade".

Neste sentido, Sánchez Bugallo explicou que, contando con que nos próximos meses se publique o decreto do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre os requisitos e prazos das zonas de baixas emisións, a partir do PMUS "teremos que definir no próximo ano a ordenanza "que defina os criterios desas zonas", así como a ordenanza de circulación e a nova ordenanza que regulará o reparto de mercadorías no casco histórico: "o obxectivo é que a partir de 2025 entre en funcionamento o novo sistema de reparto de mercadorías na zona vella" explicou o alcalde.

Preto de 150 respostas no foro aberto

Durante a celebración do foro abriuse un proceso de participación dixital en directo para todas as persoas que acudiron ao CSC Santa Marta. Con ata 150 respostas recibidas durante a celebración do proceso de escoita, as principais necesidades e retos que presentaron os asistentes pasan por "eliminar vehículos das rúas da cidade", "crear aparcadoiros disuasorios", "limitar o tráfico no perímetro azul da cidade vella", "máis sendas verdes para acceder do rural ao urbano", "mellorar o transporte público" e "ampliar frecuencias dos autobuses".

Ademais, en canto aos datos reflexados na primeira parte da enquisa, quedou patente que a meirande parte dos preguntados emprega como medio de transporte habitual o coche como condutor (55%) e a pé (31%). Minoritarios son o coche como acompañante (4%), a bicicleta (4%) ou en moto (1%).

Uns datos que contrastan coas prioridades fixadas polos asistentes de cara á elaboración do PMUS: un 25% fixou como prioridade a promoción do transporte público, un 18% o fomento da mobilidade branda (a pe ou en bicicleta), un 13% a xestión do tráfico e un 11% a mellora da mobilidade.