• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno ten previsto sacar a licitación, este luns, o proxecto de reurbanización da rúa de García Lorca

Data de escritura

 A Xunta de Gobierno Local ten previsto sacar a licitación, este luns, 13 de marzo, o expediente denominado "Obras de Reurbanización da rúa García Lorca", que conta cun orzamento base de licitación de 1.052.134,35 euros. Esta actuación, froito do compromiso do Goberno Municipal coa veciñanza do barrio de Vite e da zona de Guadalupe, ten como principais obxectivos a mellora das condicións de accesibilidade; e a substitución, renovación e/ou mellora das instalacións urbanas, como son as redes de abastecemento de auga, saneamento, distribución de enerxía eléctrica, rede de telecomunicacións e rede de abastecemento de gas.

Infografía Rúa García Lorca

As actuacións que se levarán a cabo no eido da accesibilidade serán, entre outras, a eliminación de obstáculos que dificulten os percorridos peonís, deseño de ramplas para salvar desniveis, continuidade de beirarrúas, ou renovación dos firmes e pavimentos que se atopen en mal estado. O prazo de execución é de 24 meses, no que non computarían retrasos alleos á empresa que xustifiquen a prolongación da execución do contrato.

Para a reurbanización da rúa García Lorca abórdase a accesibilidade universal, a supresión de barreiras arquitectónicas e a priorización da seguridade peonil, así como a humanización do espazo formado no interior da rúa Celso Emilio Ferreiro. A maiores, darase continuidade ás beirarrúas, incluido o tramo inexistente, á altura do número 1 da rúa Celso Emilio Ferreiro en diante. O proxecto técnico propón a creación de espazos seguros previos aos pasos de peóns para o cruzamento das rúas, prolongando a plataforma da beirarrúa ata o límite da banda de estacionamento, para que os peóns poidan ter mellor percepción dos vehículos que se acheguen. A maiores, vaise potenciar esta seguridade dispondo dun punto de luz ao comezo dos pasos de peóns, de xeito que o ilumine para que poida ser percibido mellor polo tráfico rodado.

Tamén se van levar a cabo outras actuacións puntuais, como a redución do chanzo que existe á altura dos números 14 e 16 da rúa García Lorca; ou a creación dunha rampla que permita o acceso universal á praza de
Travesía do Cendal, dando continuidade ao tráfico peonil entre a rúa García Lorca e esta travesía.

En canto á praza de Celso Emilio Ferreiro, cun 80% da súa superficie ocupada por vehículos, proponse a creación dun espazo de aparcadoiro próximo e paralelo á rúa García Lorca. Un espazo pavimentado de
vocación flexible, que poida ser utilizado pola Asociación de Veciños do Barrio de Vite, cuxo local se atopa nas inmediacións, para a celebración de actos, encontros, etc. que dinamicen a vida social da zona.

Tamén se propón, a petición da asociación veciñal, a eliminación dos peches dos xardíns, garantindo a privacidade das vivendas en planta baixa mediante a plantación de sebes, a condición de que quede
demostrada a súa titularidade pública.