O Goberno municipal inviste case millón e medio de euros nas catro obras licitadas ou adxudicadas hoxe en Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación das obras de acondicionamento do aparcamento de servizo do Parque Eugenio Granell e a rehabilitación de firmes de vías urbanas por un importe conxunto de 492.659,36 euros. Acordou, ademais, a licitación da reurbanización da rúa do Pombal e da Praza de León, que contan cun investimento conxunto de 964.970,61 euros. Dos acordos adoptados informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
As obras de acondicionamento do aparcamento de servizo do parque Eugenio Granell adxudicáronse á empresa Obras y Viales de Galicia, SL, por un importe total, IVE incluído, de 129.418,61 euros ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas, ao comprometer como melloras unha ampliación do prazo de garantía a maiores do mínimo de cinco anos establecido.
Esta obra sairá a licitación por 131.696,97 euros, e un prazo de execución de 2 meses. Este aparcamento presenta un firme moi irregular debido ás múltiples roturas e afundimentos do seu pavimento de "céspede armado". Co obxecto de dotalo dun novo pavimento e mellorar a súa funcionalidade, o proxecto construtivo prevé a execución dun firme de formigón armado de tonalidade escura, de 16 cm de espesor, sobre 20 cm de balastro artificial para a súa correcta nivelación, nunha superficie total de 1.360 metros cadrados.
Ademais, para a reparación e mellora do acceso sur do parque prevese a extensión de 12 cm de pavimento terrizo estabilizado, sobre 15 cm de balastro artificial, nunha superficie total de 539 metros cadrados, previo baleirado do material existente.
As "Obras de rehabilitación de firmes de vías urbanas" adxudicáronse á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa S.L. por un importe total de 363.240,75 euros, IVE engadido, sendo a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.
A empresa adxudicataria oferta como melloras a ampliación do prazo de garantía máis alá dos 5 anos establecidos como mínimo; e a ampliación das medidas de control de calidade e das medidas de control ambiental.
Esta actuación sairá a licitación por un importe de 458.811,10 euros e un prazo de execución de 4 meses. A proposta do departamento de Obras contempla actuacións en dez ámbitos da cidade: rúa de Alfredo Brañas; rúa de Santiago de Chile; rúa das Canteiras do Sar; rúa dos Forniños; rúa de Amio, rúa da Carballa e rúa de Seoane; Travesa da Estrada; rúa do Combarro e Travesa do Combarro; rúa de Diego Bernal, rúa do Pino; e rúa de Mallou de Abaixo.
Executaranse distintos tipos de actuacións. Entre elas de fresado e posterior aplicación de mestura bituminosa, pintado, limpeza de determinados viarios ou saneo das zonas deterioradas.
Licitacións
Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación das "Obras de reurbanización da Praza de León", establecéndose un tipo de licitación de 201.979,60 euros, IVE engadido. O obxectivo deste proxecto é redeseñar este espazo, situado no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, en Pontepedriña, priorizando o seu uso lúdico e de estancia.
A actuación, ademais de solucionar os problemas de comunicación e accesiblidade existentes, contempla a integración dunha zona de xogo, o redeseño da pavimentación, a mellora da accesibilidade e un axardinamento da contorna seguindo os criterios de sostibilidade, e dando resposta a unha petición formulada pola asociación de veciños Sandra Prego.
A intervención centrarase en ampliar a superficie pavimentada creando ramplas de acceso e renovando o mobiliario urbano; e conservando as árbores de maior porte para que funcionen de barreira natural de protección visual e acústica contra a rúa de Restollal. Contempla tamén unha zona de xogo nunha área circular acoutada, cun pavimento interior de caucho de cores acordes aos novos xogos infantís. O resto do espazo quedará libre, para poder transitar, relacionarse, descansar, xogar ou andar en bicicleta.
As obras de reurbanización da Praza de León forman parte da EDUSI de Santiago de Compostela, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020).
Por outra banda, aprobouse o proxecto técnico de reubanización da rúa do Pombal, que conta cun investimento de execución material de 762.991,01 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de 8 meses. A proposta contempla as seguintes actuacións: demolicións e movementos de terras, acondicionamento vexetal, instalacións de saneamento e abastecemento, instalacións de abastecemento de auga e rego, instalacións de alumeado público, instalacións de telecomunicacións, instalacións de gas natural, pavimentacións e instalación de mobiliario urbano e axardinamento e plantacións.
Licenzas
A Xunta de Goberno Local tamén acordou conceder á empresa Mestrelab Researchs S.L., licenzas de obras de reforma para centro de investigación (oficinas e laboratorio) localizado na Avenida de Barcelona. A obra conta cun orzamento de execución material de 1.392.475,77 euros.
As actuacións consistirán en obras de reforma de edificación de tres plantas para un uso de oficinas cun uso auxiliar de laboratorio e almacenamento; cunha superficie construída de 2.089,93 m2. A ocupación en planta é de 716 m2 e a altura de 15 metros. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza 2, Qinteiro do PXOM.