• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno aproba as subvencións nominativas para o 2023 por un importe total de 1.5 millóns de euros

Data de escritura

A Xunta de Goberno local, en sesión extraordinaria, deu luz verde a un total de 70 subvencións nominativas por un total de 1.565.908 euros dos que se beneficiarán entidades sociais, deportivas, culturais, comerciais ou educativas da cidade, entre outras. Tamén se aprobaron os suplementos de crédito para completar a achega municipal deste exercicio para as obras da Plataforma loxísitica, do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite.

Imaxe dunha Xunta de Goberno Local

 

O executivo aprobou o estado de gastos do capítulo IV do orzamento xeral do Concello para o exercicio 2023, no que se recolle a relación de entidades beneficiarias de subvencións nominativas, importes máximos anuais e finalidades destas axudas. Son 70 subvencións nominativas por unha achega total de 1.565.908 euros. Entre elas, as destinadas ás entidades comerciais para programas de dinamización (Compostela Monumental, Punto Compostela, Santiago, Centro, Área Central, Ourives de Compostela, Praza de Abastos, entre outros); as de benestar social (entre elas, a Cociña Económica, Cáritas, o Albergue Xoán XXIII, Cruz Vermella, etc.); as do ámbito cultural (Ateneo, Rocha Forte, Festival Plataforma…); entidades deportivas (Obradoiro, Sociedade Deportiva Compostela, Club Ciclista Compostelano, etc); e outras do ámbito da igualdade ou do turismo.

Nesta mesma sesión aprobouse o expediente de suplemento de crédito de 227.837,73 euros para completar a achega municipal deste exercicio (10% do custe elixible do proxecto máis o IVE) para a execución do proxecto da Plataforma Loxística de distribución de mercadorías no Casco Histórico de Santiago de Compostela. Tamén se deu luz verde ao suplemento de crédito, por importe de 297.338,13 euros para dotar a achega municipal deste exercicio (fondos propios do proxecto máis o IVE) para execución do proxecto de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite, ambos subvencionados pola UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos NextGenerationEU.

Así mesmo, apróbase o expediente para a subministración de electrónica de rede para a ampliación da infraestructura de comunicacións e mobilidade do concello, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea cun orzamento base de licitación de 169.995,50 €.

Documentos relacionados