O Pleno aproba de forma definitiva a modificación do PXOM sobre a regulación de usos
O Pleno aprobou de forma definitiva a modificación puntual do título III do Plan xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxo obxectivo é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación dos usos e actividades complementarias, entre elas as vivendas de uso turístico ou VUT. Na sesión de hoxe tamén tomou posesión a nova concelleira Begoña Rodríguez.
O Pleno do Concello deu luz verde á aprobación definitiva da modificación puntual do título III do PXOM de regulación de usos, entre eles, as vivendas de uso turístico ou VUT. A proposta contou co respaldo do Grupo Municipal Socialista e de Compostela Aberta, O BNG e o concelleiro non adscrito abstivéronse; e o Grupo Popular votou en contra.
A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, recordou que "o obxectivo desta modificación puntual do PXOM é potenciar a función residencial da cidade, ao mesmo tempo que se promove un axeitado equilibrio doutros usos complementarios do urbano". Con esta modificación tamén se pretende dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da vixencia do PXOM que "permita tomar as medidas adecuadas para resolver a situación" e favorecer o "interese xeral", engadiu.
Mercedes Rosón considera que con esta aprobación se chega "á mellor das solucións posibles" e recordou que na normativa aprobada prevese "expresamente" a posibilidade, "mediante a aprobación de diversas ordenanzas", de regular en detalle outros aspectos "como os usos xustificados de carácter temporal, a protección do tecido comercial tradicional e de proximidade, instalación de puntos de subministración de carburantes ou dos usos e actividades persistentes".
Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos para establecer un réxime de compatibilidade de usos máis flexible; a identificación das denominadas zonas sensibles da cidade, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prioridade do uso residencial, especialmente para as familias e para o estudantado da USC, e unha axeitada proporción de usos complementarios.
Respecto das vivendas de uso turístico, distínguense dous supostos. O primeiro, a súa implantación como actividade económica, que só se autoriza na planta inferior das que se permita o uso residencial (planta baixa ou primeiro andar, segundo cada ordenanza), cunha condición adicional de altura mínima nas zonas sensibles. O segundo, como uso asimilado ao residencial, que permite outras posicións, pero que debe estar sempre vinculado a un uso habitual da vivenda, e que se regula cunha ordenanza complementaria específica.
O documento inicial foi elaborado de oficio polo Servizo de planeamento do Concello, a partir do coñecemento da cidade e a experiencia do conxunto dos técnicos municipais do departamento de Urbanismo, en particular dos técnicos de licenzas. Ao longo do 2022, abríronse dúas exposicións públicas nas que todas as persoas interesadas tiveron a posibilidade de formular alegacións sobre o documento inicial aprobado no 2021. Tras tomar en conta as alegacións recibidas, introducíronse varios cambios no documento ata chegar á aprobación final no día de hoxe.
Toma de posesión
Begoña Rodríguez é xa nova concelleira do Concello de Santiago, tras a súa toma de posesión no pleno extraordinario desta mañá. Durante o acto, a nova edila realizou o xuramento ante a Constitución Española e, a continuación, recibiu a medalla por parte do alcalde.
Begoña Rodriguez é licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria do corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia desde 1994, onde exerceu funcións en distintas consellerías: Medio Rural, Medio Ambiente e Presidencia (Protección Civil). Ata este momento prestaba servizo como xefa de sección da Calidade dos Solos da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda.
Medallas da Policía Local
Na sesión plenaria tamén se deu luz verde á concesión das medalla de permanencia a todas e todos aqueles axentes que levan 30 ou máis anos na Policía Local. A entrega das medallas terá lugar o vindeiro 22 de febreiro no acto de celebración dos 175 anos da Policía Local.