CERTAME COOPERATIVISMO NO ENSINO
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR802O).
O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.
b) Traballos que se presentan ao certame segundo se indica:
▪ Modalidade de actividades artísticas: debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, de conformidade co sinalado no artigo 5.
▪ Modalidade de actividades cooperativizadas: memorias das actividades realizadas cooperativamente, segundo o sinalado no artigo 6.
▪ Modalidade de proxectos empresariais cooperativos: proxectos, ficha resumo e currículo do grupo, segundo o sinalado no artigo 7.
Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, presentando os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.
O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:
a) Actividades artísticas, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.
b) Actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.
c) Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.