Compostela Somos Cultura afiánzase na cidade co inicio da terceira edición
O que comezou en 2020 como un xeito de "reactivar o consumo de cultura local" en Santiago de Compostela durante a pandemia pola Covid-19, consolídase como unha cita anual na capital galega. Deste xeito, o ciclo ‘Compostela Somos Cultura’ acada a súa terceira edición e, durante un total de 10 semanas, encherá as redes sociais e as distintas plataformas dixitais de propostas artísticas representativas do tecido creativo e artístico de Compostela. A econonomía social será o fío condutor desta edición.
A presentación aos medios, celebrada esta mañá no Concello de Santiago e á que asistiron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o coordinador artístico do ciclo, Xacobe Martínez Antelo, foi o espazo de lanzamento de todas as novidades desta terceira edición do dito Ciclo. A máis importante de todas, tal e como destacou a responsable municipal, foi a "incorporación de empresas da economía social compostelá como as localizacións dos microeventos". De aí sairon as pezas audiovisuais que protagonizan os vídeos de Compostela Somos Cultura "xa tan agardados" pola audiencia, indicou Xacobe Martínez.
Compostela, capital da Economía Social
En 2022 Compostela colleu o testigo de Teruel como Capital Española da Economía Social. Como peche dese ano no que a cidade galega foi distinguida con tal galardón, desde o Concello quérese "dar valor a todas as empresas e organismos" que se enmarcan dentro da Economía Social "e que son tan numerosas na cidade", con arredor de 150 empresas entre cooperativas, fundacións e outras, explicou Mercedes Rosón.
Así, "axudando tamén a promocionar e dar a coñecer" xa non só as e aos artistas composteláns, senón tamén unha "selección de empresas da economía social que temos na nosa cidade", sete destas entidades con sede na capital galega foron escollidas para acolleren os microeventos do proxecto, apuntou a concelleira de Acción Cultural.
A empresa de tratamento ambiental de vehículos ‘Trameve’; ‘Rayados: Tenda de Lorenzo Design’ especializados no deseño e construcción de artesanía en madeira para hostelería; a empresa adicada ao deseño gráfico, web e editorial ‘Sacauntos’ ou a ‘Fundación Laboral da Construción’ como entidade facilitadora de recursos e formación para empresas e traballadores do sector da construción son algunhas delas.
‘Almazen de ioga’, como centro de ioga situado no centro de Compostela; ‘Entrelampo’, como empresa do sector agroalimentario que colleita e vende productos de horta ecolóxicos creando emprego para persoas con problemas de saúde mental graves e, por último, ‘Feitoría Verde’, empresa centrada na educación ambiental e na loita contra as desigualdades socias ou de xénero completan a escolla.
Un proxecto con peso na Rede e no Concello
As cifras do dito ciclo, que se enmarca dentro programa Compostela Móvese 2023, "falan por si soas", indicou Xacobe Martínez, xa que o alcance real nas redes sociais do proxecto foi de máis de cen mil persoas durante as dúas primeiras edicións. Ademais, máis de tres mil seguen unha campaña que xa contou coa presentación dun total de 40 pezas audiovisuais de 14 proxectos artísticos diferentes nos cales se implicaron 60 artistas.
Esta iniciativa está organizada polo departamento de Promoción Económica do Concello e a Concellería de Acción Cultural e conta coa coordinación artística de Xacobe Martínez Antelo, e Mada Producións no apartado de loxística, produción e comunicación.
Como tamén se realizou xa na anterior edición, non só se fará por tanto un investimento importante na compra de consumo de producto cultural nos comercios, senón que tamén se realizará unha importante inversión en publicidade nas redes sociais, non só para promocionar os artistas e comercios culturais composteláns, senón tamén as propias canles da campaña en si mesmas.
Novos artistas e melloras nos sorteos dos packs culturais
Os sorteos de packs culturais seguirán estando moi presentes nesta campaña, realizando un por semana, así como tamén un final, asociándose todos ao hastag #CompostelaSomosCultura. Todos estes sorteos estarán compostos de diversos productos culturais e artísticos mercados nas tendas e espazos culturais de Compostela, dende librerías, tendas de música, espazos formativos culturais, cines ou tendas de artesanía, entre outras.
En canto aos artistas implicados nesta edición, "de novo cóntase con persoas de campos moi diversos dentro das industrias culturais", facendo así "máis atractiva a campaña para un maior número de persoas", xa que atraerá a seguidores e aficcionados de diferentes artes, explicou o coordinador artístico do Ciclo, Xacobe Martínez. Así, as propostas van dende a música (Manuel Gutierrez, Tres Pesos) ata a danza (Mauro RB, Paula Quintas), o teatro e a oralidade (Carlos Santiago, Vero Rilo) ou unha nova arte que ata agora non estivo presente nas anteriores campañas pero que ten moita importancia en Compostela como é a fotografía (Iván Barreiro).
Toda a información da campaña pode consultarse nas redes de CompostelaSomosCultura en Facebook, Twitter, Instagram e YouTube.