• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PLAN GALICIA EMPREGA

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR342C).

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

A orde regula o Plan Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea e á formación dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 25.1.a), a través de dúas liñas de axudas: 1. A liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas. b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

 

2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Documentación requerida

As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación.

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia.

b) Documentación acreditativa da exclusión social, discapacidade recoñecida fóra de Galicia, da persoa traballadora contratada.

c) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar a axuda polo colectivo de persoa emigrante retornada.

d) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar a axuda polo colectivo de persoa emigrante retornada.

e) Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.

f) No caso de axuda para a adaptación de postos, a memoria explicativa segundo o disposto na letra d) do artigo 24.2, e conforme o modelo publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia.

g) No caso de que as persoas traballadoras se opuxesen á comprobación dos datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Requisitos

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estar incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.