• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS PARA A CREACION DE EMPRESAS PARA PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS

Consellería de Medio Rural

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas e convocar para o ano 2023 as seguintes liñas de axuda incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:

a) Medida 4. Investimentos en activos físicos. – Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (código de procedemento MR405A. Axudas para investimentos nas explotacións agrarias).

b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais. – Submedida 6.1. Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas (código de procedemento MR404A. Axudas á incorporación de mozos á actividade agraria). – Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (código de procedemento MR405B. Axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias).

 

Estas axudas teñen como finalidade:

a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante da súa representación (se for o caso).

b) Un plan empresarial, redactado por un/unha enxeñeiro/a agrónomo/a, enxeñeiro/a técnico/a agrícola ou grao universitario equivalente ou por un equipo multidisciplinar, en que a memoria e os documentos técnicos específicos que fagan referencia a producións, instalacións ou outros datos agrarios os asine o dito técnico (acreditarase titulación). O plan debe incluír: i. Unha descrición da situación inicial da explotación agrícola, con indicación das fases e obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación. ii. Unha descrición da situación unha vez levado a cabo o plan de empresa, que comprenda, polo menos, os seguintes datos: – Superficie da explotación, especificando a dos distintos cultivos e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva. – Maquinaria, equipamento, melloras territoriais e edificios. – Composición e dedicación da man de obra. – Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación. – Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura do financiamento e rendibilidade e previsións de tesouraría. – Actuacións que se pretende realizar. iii. Un plan de investimentos (información pormenorizada sobre investimentos e prazos), se for o caso, en que se indiquen as melloras que se pretenden realizar, en que se estableza o seu impacto sobre o cambio climático (emisións de efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo eficiente de auga, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o exixa, que preste especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000. iv. Información pormenorizada, se for o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agrícola, incluídas as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos. O plan deberá estar realizado segundo o anexo IV.

c) Anexo VII (se for o caso).

d) Xustificación do nivel de capacitación profesional suficiente. No caso de títulos oficiais do Ministerio de Educación e Formación Profesional, só se ten que presentar esta documentación no caso de que a persoa solicitante se opoña expresamente á súa consulta.

e) Acreditación da dispoñibilidade da explotación en propiedade, ou en réxime de arrendamento, ou de parzaría ou calquera outra forma conforme dereito que poida demostrar mediante documento liquidado dos correspondentes tributos, se for o caso. Se o arrendamento se producise no marco dunha explotación activa deberá ser, como mínimo, dunha orientación produtiva ou subexplotación que a formen, incluíndo todos os elementos integrantes necesarios para o funcionamento e a viabilidade da explotación resultante.

f) No caso de instalarse mediante a modalidade 3: i. Unha certificación expedida polo órgano reitor da entidade, onde se especifiquen as condicións de participación da persoa agricultora moza e a súa contribución, ou documento de compromiso. ii. Os estatutos da entidade e, se é o caso, as súas modificacións, e a acta de constitución, ou documento de compromiso. iii. A relación de socios/as que exercen a dirección técnica e de xestión, ou documento de compromiso. iv. No caso de sociedade limitadas e sociedades anónimas, certificado do Rexistro Mercantil sobre a situación da sociedade en canto a número de socios, capital social e accións nominativas, ou documento de compromiso.

g) Certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación, para ter os puntos por proxecto innovador establecidos no artigo 28.

h) De querer optar á bonificación da axuda por volume de gasto necesario para instalarse, presentaranse memoria xustificativa e tres ofertas de diferentes provedores por cada un dos investimentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos: i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, agás a compra de terreos e edificacións. ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. iii. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca e modelo, así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

En función do tipo de axuda que se solicite, poderán ser beneficiarias as seguintes persoas:

a) Medida 4. Investimentos en activos físicos. – Submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, código de procedemento MR405A).

a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.

b. Persoas agricultoras mozas que se instalen nunha explotación de nova creación.

 

b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais. – Submedida 6.1 Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas (código de procedemento MR404A). Calquera persoa física que, no momento de presentar a solicitude, non teña máis de corenta anos, conte coa capacidade e competencias profesionais adecuadas e se instale nunha explotación agraria por vez primeira como xefa da dita explotación.

– Submedida 6.3 Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (código de procedemento MR405B). Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias

Requisitos

Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas: 

Requisitos dos beneficiarios

As persoas que desexen acceder ás axudas á incorporación de persoas agricultoras mozas á actividade agraria (procedemento MR404A) deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos.

b) Cumprir a condición de persoa agricultora profesional dentro dos 18 meses seguintes á data de instalación.

c) Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no momento da solicitude da axuda, segundo se establece no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, ou comprometerse a adquirilo nun prazo improrrogable de 36 meses desde a data de instalación.

d) A explotación en que se produce a instalación debe alcanzar, cando finalice o seu plan empresarial, unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia anual e inferior ao 120 % desta. e) Instalarse nunha explotación que alcance a dimensión física mínima establecida no anexo IV.

f) Presentar un plan empresarial de acordo co anexo IV.

g) Exercer o control efectivo da explotación.

h) Non ser titular dunha explotación agraria, excepto que: i. Sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supera o 20 % da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria. ii. Sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo de traballo e de renda unitaria de traballo inferior aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, alcance esta consideración en calidade de agricultor a título principal.

i) Non ter declarado rendementos económicos por actividades agrarias en estimación obxectiva ou directa. Exclúense desta consideración os rendementos económicos declarados polo persoa moza que proveñan da recollida e venda esporádica de produtos silvestres ou castañas de souto tradicional, así como a venda de madeira, ou polas excepcións do punto anterior.

j) A data de establecemento pode ser anterior á data de solicitude da axuda, pero en ningún caso procederán estas axudas se o proceso de instalación está rematado antes da solicitude de axuda, excepto os supostos previstos na alínea h).

 

Modalidades de primeiras instalacións

A primeira instalación dunha persoa agricultora moza deberá realizarse mediante algunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade 1: acceso mediante titularidade exclusiva dunha explotación preexistente ou de nova creación.

b) Modalidade 2: acceso mediante cotitularidade dunha explotación agraria.

c) Modalidade 3: integración como persoa socia nunha entidade asociativa, preexistente ou de nova constitución.

d) Modalidade 4: acceso mediante titularidade compartida da explotación.

e) Modalidade 5: acceso cando, sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supere o 20 % da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria.

f) Modalidade 6: acceso cando, sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo de traballo e de renda unitaria de traballo inferior aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, alcance esta consideración en calidade de agricultor a título principal.