PROGRAMA BONO DAS PERSOAS AUTONOMAS
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341Q).
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figuran como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifiquen de xeito claro as características e o custo do investimento.
c) Documentación xustificativa do volume de facturación e base impoñible: IVE, IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso. No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, será unha declaración responsable da facturación realizada no último exercicio económico (anexo I), co importe da facturación realizada no último exercicio económico.
d) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.
e) De ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional, con indicación dos períodos de alta nela.
f) De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
g) Relación de servizos ou investimentos realizados (anexo I).
h) No caso das persoas societarias, declaración responsable de que ningunha outra persoa societaria fixo unha solicitude desta axuda.
i) No caso de solicitudes realizadas por unha sociedade, anexo II debidamente cuberto e asinado.
As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia,
As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia.
Persoas Traballadoras Autónomas:
-Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000,00 euros e unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
Sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, que non fose beneficiaria con anterioridade desta axuda (procedemento TR341Q) e que non presentase nesta convocatoria outra solicitude como persoa autónoma individual ou societaria.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2021 inferior a 30.000,00 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000,00 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da entidade solicitante (modelo 184).