SUBVENCIONS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215B).
OBXECTO
O obxecto destas bases é regular ás subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT215B).
Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.
DOCUMENTACION
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
A) Persoas xurídicas privadas:
-Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
-Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no rexistro que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
-Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude
B) Entidades locais:
-Acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2021.
-Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, en que se faga constar o acordo do concello polo que se solicita a subvención, así como o compromiso de financiar o importe ou parte non subvencionable obxecto da actividade ata o importe total de execución.
-Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
BENEFICIARIOS
INTERESADOS
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.
As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado, e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
REQUISITOS
Poderán obter a condición persoas beneficiarias aquelas persoas ou entidades enumeradas no artigo 4 que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e nas cales concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.
Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.
Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas das entidades locais en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
Requisitos dos festivais para optaren ás axudas
a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, ambos os días incluídos. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2023 e que se desenvolva máis do 50 % das actividades dentro deste período.
b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.
c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.
d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.
e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 30 puntos, segundo o disposto no artigo 17.2. Serán excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.
f) As actividades que se desenvolvan obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia