SUBVENCIONS PARA A EXECUCION DE PROXECTOS (Medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia )
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR701D).
OBXECTO
Serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na estratexia de desenvolvemento local de cada GDR, de forma que respondan ás prioridades e aos obxectivos especificamente recollidos na estratexia, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionabilidade que se especifiquen nas fichas de elixibilidade recollidas no capítulo VII das bases reguladoras.
Os proxectos poderán clasificarse en produtivos e non produtivos. Con carácter xeral terán a consideración de proxectos produtivos os que supoñan a realización dunha actividade económica con fin lucrativo tendentes á produción de bens e/ou servizos e que supoñan unha creación e/ou mantemento do nivel de emprego. Pola contra, terán a consideración de proxectos non produtivos os que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.
DOCUMENTACION
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación, no caso de persoas xurídicas, da súa personalidade, a través dun certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados, así como a fotocopia do NIF, no caso de denegar expresamente a súa consulta.
b) Declaración censual tributaria (modelo 036 ou 037), ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.
c) Documentación acreditativa de que se cumpre co requisito de ser pequena empresa: últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na que figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual.
d) Informe da plantilla media de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.
f) Memoria e resumo do proxecto en documento normalizado (anexos das bases reguladoras: III. Plan de empresa, para proxectos produtivos e IV. Plan de xestión, para proxectos non produtivos), no cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios de selección que o GDR teña aprobados. Para proxectos de natureza produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de empresa que abranguerá polo menos 5 anos, coa xustificación da súa viabilidade económica financeira. Para proxectos de natureza non produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de xestión da actividade e/ou do investimento que abranguerá polo menos 5 anos.
g) Orzamento de gastos, desagregados por partidas, necesarios para a execución do proxecto (anexo V das bases reguladoras).
h) Relación de ofertas solicitadas e elixidas, nos termos indicados no artigo 10 das bases reguladoras, segundo os documentos normalizados (anexo VI A das bases reguladoras e declaración segundo modelo normalizado do anexo VI B das bases reguladoras).
i) De ser o caso, documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado polo beneficiario e non recuperable.
j) No suposto de investimentos en explotacións agrarias, código de explotación agraria, ou no seu defecto, rexistro oficial que corresponda á explotación agraria.
k) No suposto de proxectos de diversificación de explotacións agrarias cara actividades non agrarias (ficha de elixibilidade IV) deberá achegarse a acreditación do grao de parentesco. Neste suposto deberá achegarse tamén o certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a súa consulta.
l) Plano do Sixpac indicando as coordenadas da localización da operación.
m) No caso de empresas xa existentes, licenza de actividade do concello ou de ser o caso acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
n) No caso de que unha operación inclúa obra civil, anteproxecto ou memoria valorada, asinado por técnico competente na materia.
ñ) Calquera outra documentación ou información adicional que o interesado considere de interese para unha mellor análise e valoración do xecto.
BENEFICIARIOS
INTERESADOS
Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade incluídas no capítulo VII das bases reguladoras, poderán ser beneficiarias das axudas tramitadas ao abeiro deste réxime de axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.
b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
REQUISITOS
As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG) e en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
d) Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade do capítulo VII das bases reguladoras.
Cando a persoa beneficiaria sexa unha persoa xurídica, os membros asociados da mesma que se comprometan a efectuar, en nome e por conta desta, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención, terán igualmente a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos esixidos para cada tipo de persoa beneficiaria.