• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PROGRAMA IMPACTO AUTONOMO

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa Impacto Autónomo, dirixidas a minimizar a suba dos custos de materias primas e das subministracións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

  1. Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
  2. No caso das persoas mutualistas, acreditación da alta na mutualidade do colexio profesional ou entidade correspondente, con indicación dos períodos de alta nela.
  3. No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen en estimación directa, documentación acreditativa dos rendementos netos do ano 2021 coa achega do modelo 100 do IRPF do ano 2021.

No caso de microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, documentación acreditativa do volume de facturación coa achega do modelo 200 IS do ano 2021, salvo no caso de estar no réxime de atribución de rendas, caso en que se achegará o modelo 184 do ano 2021.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores e traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas, con domicilio fiscal en Galicia e que tivesen uns rendementos netos mínimos de actividades económicas realizadas de 10.000 € e un máximo de 30.000 €, no ano 2021.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que acrediten estar de alta ou situación asimilada no momento da presentación da solicitude, e que estivesen de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2021 e no ano 2022.

Tamén poden ser beneficiarias as microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, con domicilio fiscal en Galicia e cun mínimo de facturación no ano 2021 de 50.000 € e un máximo de 750.000 € no mesmo ano 2021.

Requisitos

Os requisitos esixidos para ser persoa beneficiaria son os que se indican no modelo de solicitude (anexo I), no cal vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

– Que está de alta ou situación asimilada, mínimo 6 meses antes da publicación desta convocatoria, no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA ou na mutualidade correspondente), ou, se é unha persoa autónoma de tempada, que está de alta ou situación asimilada no momento de presentación da solicitude, e que estivo de alta un mínimo de 4 e un máximo de 9 meses no ano 2021 e/ou no ano 2022. – Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– No caso de persoas traballadoras autónomas ou mutualistas, que os seus rendementos netos están entre un mínimo de 10.000 € e un máximo de 30.000 € no exercicio 2021, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 16 desta orde.

– No caso de microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, que a facturación da sociedade non supera os 750.000 € no ano 2021, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 16 desta orde.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) da actividade pola cal solicita a axuda.

– IAE da actividade pola cal solicita a axuda.

– Que, no caso de desenvolver actividade en establecemento fixo aberto ao público, o establecemento vai permanecer aberto ao público durante os 6 meses posteriores á publicación desta orde de axudas.

– Que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma ben como societaria.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

– Que, coa presentación desta solicitude, acepta a subvención.