• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS PARA ACTUACIONS DE EFICIENCIA ENERXETICA EN EMPRESAS TURISTICAS

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea Next Generation EU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

A realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Están incluídas as seguintes tipoloxías: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. Quedarán excluídos os establecementos de aloxamento turístico que ocupen parcialmente un edificio.

Documentación requerida

As persoas ou entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, se é o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble. No caso de que o solicitante da actuación non sexa o propietario, deberase achegar adicionalmente a documentación ou contrato que acredite a facultade expresa para poder executar as obras correspondentes á actuación obxecto de axuda (contrato de arrendamento, de explotación, etc.).

c) Informe xustificativo asinado pola persoa ou entidade solicitante en que se indicarán as tipoloxías de actuación en que se encadra a axuda solicitada, a descrición das actuacións subvencionables, a xustificación do custo elixible, a xustificación do cumprimento dos requisitos establecidos no anexo III segundo a tipoloxía de actuación e, se é o caso, o cumprimento dos requisitos establecidos para optar á axuda adicional e a contía máxima da axuda solicitada, indicando se opta á axuda adicional.

 d) Certificado da eficiencia enerxética do edificio que se prevé alcanzar coas melloras propostas e coas actuacións específicas para as que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinado por un/unha técnico/a competente, que demostre que o proxecto permite dar un salto en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2 /m2 ano) e que se consegue un aforro mínimo de enerxía primaria non renovable do 30 % con respecto ao certificado da eficiencia enerxética do edificio actual inscrito no RXEEE. O certificado estará firmado por un/unha técnico/a competente e non será necesario que este certificado de eficiencia enerxética estea inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RXEEE). Con este certificado achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración. O certificado enerxético do edificio mellorado e o certificado do edificio actual deben achegarse elaborados coa mesma versión e programa recoñecido de certificación, de xeito que os datos sexan comparables.

e) Proxecto ou memoria técnica, no caso de que non se requira proxecto, onde se describan adecuadamente as actuacións para realizar e a situación de partida, subscrita por un/unha técnico/a competente ou instalador, se é o caso. No proxecto ou memoria técnica xustificarase o cumprimento das exixencias básicas do documento básico do aforro de enerxía DB-HEI do Código técnico da edificación que sexa de aplicación á tipoloxía para a que se solicita a axuda. O proxecto ou memoria técnica incluirá un estudo de xestión de residuos onde se xustifique o cumprimento do punto 8, letra b), da base 17 do Acordo do 29 de marzo de 2022, asinado por técnico competente ou, na súa falta, declaración responsable asinada polo representante do beneficiario en que se compromete a cumprir e achegar toda a documentación necesaria para xustificar o cumprimento do indicado no punto 8, letra B), da base 17 do Acordo do 29 de marzo de 2022. Xustificarase que as actuacións previstas non causarán un prexuízo significativo ao ambiente ou, se é o caso, as medidas correctoras que se adoptarán para cumprir cos criterios da Guía técnica da Comisión Europea sobre o DNSH. f) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s, de data posterior ao 1 de xaneiro de 2021. No caso de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000,00 euros para obras e/ou 15.000,00 euros en servizos ou subministracións, presentaranse tres presupostos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Documento ou oferta vinculante contractual formalizada coa empresa ou profesional correspondente para a xestión técnica, administrativa e documental da solicitude, se é o caso.

h) Declaración responsable de cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

i) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, do estado actual da edificación en que se van a levar a cabo as actuacións subvencionables.

j) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto de xestión, incluíndo o cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH) (anexo VI), de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, en todas as fases de deseño e execución das actuacións.

k) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR (anexo VII).

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), sempre que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:

a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.

b) As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma obxecto do Acordo do 29 de marzo de 2022.

Requisitos

As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación, teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o/a mesmo/a que o/a que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento. En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán ter o seu domicilio fiscal e centro operativo permanente en España e mantelos, polo menos, durante o período de prestación das actividades obxecto da subvención.

Para que as persoas xurídicas de natureza privada sexan beneficiarias, deberán acreditar que se atopan debidamente constituídas, conforme a normativa que lles resulte de aplicación

As persoas e entidades beneficiarias deberán atoparse ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, así como do resto de obrigacións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro..