SUBVENCIONS PARA A COMERCIALIZACION E DIFUSION DE PROXECTOS E OBRAS AUDIOVISUAIS GALEGAS
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT404D).
Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia e se convocan para o ano 2022
Para os efectos desta convocatoria, entenderase por foros de negocio especializados aqueles eventos profesionais de ámbito internacional que teñan por obxecto o financiamento de proxectos e a comercialización de obras audiovisuais, incluídos na cláusula quinta, punto 1 e cuxas datas de realización sexan as comprendidas entre os días 1 de xaneiro de 2022 ata o 15 de novembro de 2022.
Para os efectos desta convocatoria entenderanse por eventos de cine aqueles certames de premios e festivais nacionais e internacionais dirixidos á promoción e á difusión do audiovisual que se celebran fóra de Galicia incluídos na cláusula quinta, punto 2 e cuxas datas sexan as comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2022 ata o 15 de novembro de 2022.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación xeral:
1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica. 1
.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritas no rexistro mercantil ou o que corresponda.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación complementaria:
2.1. Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados:
2.1.1. Documentación que acredite suficientemente ter realizado o rexistro oficial no foro ou mercado.
2.1.2. Documentación que acredite suficientemente a relación laboral da persoa asistente ao foro ou mercado coa entidade que solicita a axuda.
2.1.3. Orzamento desagregado por evento dos gastos derivados da asistencia ao foro de negocio para os que se solicita a axuda (anexo II).
2.2. Modalidade B. Participación en eventos de cine:
2.2.1. Copia da comunicación da selección por parte da organización do certame de premios, festival ou mostra emitida pola organización en que conste a sección ou a categoría.
2.2.2. Orzamento de gastos da presenza da produción no festival ou mostra (anexo II).
Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados.
As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual que leven a cabo algunha actividade de creación e produción no campo audiovisual galego baixo as epígrafes 961.1 ou 962.1 do IAE e que participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.
Modalidade B. Participación en eventos de cine.
As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine que se relacionan na base seguinte.
As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades que non cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da mencionada lei. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.