• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS XEMPRE EMPRENDEMENTO

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

 

 

Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que iniciou a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020. En concreto: 1º. Equipamento informático.

2º. Activos intanxibles: activos que no teñen unha materialización física ou financeira.

3º. Investimentos en eficiencia enerxética.

4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio. 6º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos especificados nesta Orde.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

 

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

b) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

c) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), no que debe figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.

d) Declaración responsable de ter depositado no rexistro correspondente ou aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio.

e) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento.

 

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, –sempre que o investimento non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €, no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, e importe igual ou superior a 40.000 €, no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as persoas interesadas deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos investimentos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presenten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.

 

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente no anexo de solicitude cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

 

A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1.6. in fine desta orde.

 

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais de entre as previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020, segundo se establece no artigo 1 da orde.

Requisitos

As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter presentadas, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

d) Ter iniciada a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de presentación da solicitude.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.