A Xunta de Goberno licita o "Espazo interxeneracional no Sar" e acorda iniciar o procedemento de avaliación ambiental da parcela que acollerá o Centro de distribución de mercadorías
A Xunta de Goberno Local acordou remitir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do "Plan especial da parcela dotacional de servizos urbanos SU-3", formulado de oficio polo Concello de Santiago. Neste parcela, situada a carón de MercaGalicia, é onde está previsto construir, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o centro de distribución de mercadorías.
Xunto á solicitude, segundo acordou o executivo muncipal, achegarase do Documento ambiental estratéxico (DAE) e o Borrador do plan. Son máis de 70.000 metros cadrados de espazo, situado no Polígono do Trambre, dos que en principio está previsto utilizar uns 35.000 metros cadrados, suficiente, segundo Sánchez Bugallo, "para a actuación que se propón". Esta parcela está cualificada como sólo dotación, e de equipamento comercial e loxístico, segundo explicou o rexedor.
A responsable da sección de Planeamento do Concello, a arquitecta Esther Sánchez Espiñeira, aclarou que, por norma, debe realizarse a tramitación ambiental, ao ser un "sector incluido nun solo urbanizable que aínda está por desenvolver a lei di que debe tramitarse un plan especial". Sinalou que a parcela se vai divir en dúas zonas, nas que no "futuro poderán instalarse as edificacións do equipamento", contemplando tamén "unha franxa de protección e integración coa contorna".
Esta plataforma loxística de distribución de mercadorías, inicialmente prevista en Mallou, permitirá establecer un novo modelo de reparto de mercadorías, de cero emisións, e respectuoso co patrimonio histórico.
Espazo interxeracional Sar
A Xunta de Goberno, aprobou hoxe o proxecto básico e de execución da obra de "Espazo interxeneracional no Sar", que conta cun orzamento de 128.267,49 euros, e que se ubicaría nunha parcela situada entre a Ruta da Prata do Camiño de Santiago e a Calzada do Sar. O obxectivo do departamento de Medio Ambiente, que dirixe Mila Castro, é crear un espazo interxeracional, construíndo unha zona de xogos e de lecer con arboredo e zonas axardinadas, creando un espazo accesible que conte con iluminación apropiada.
Este espazo deséñase coa finalidade de que membros das xeracións máis novas e os de máis idade, compartan coñecementos e experiencias en aras dun beneficio mutuo. Con este proxecto o Concello de Santiago pretende pór en valor o papel da persoa maior como parte integrante da educación do menor, como referencia de valores morais, ou como referencia da historia e a cultura da súa contorna; aproveitando a experiencia das persoas maiores como fonte de coñecemento e fomentando o respecto e a empatía mútua.
Con este fin deseñouse un proxecto que elimina os puntos críticos da parcela actual para xerar un espazo no que se integren unha serie de xogos para diferentes idades, que se integren na contorna, creando, ademais, unha zona de estancia con bancos e mesas con sombra, onde tamén se poidan desenolver xogos de mesa, e outra zona chaira, con arboredo, na que se poidan levar a cabo xogos tradicionais, como as chapas, petanca, trompos, etc. Tamén está previsto instalar unha fonte e dotar de ilumibación ao lugar, complementándoa coa actual.
Bonos Corazón
A Xunta de Goberno tamén aprobou a convocatoria do procedemento de concorrencia para a selección da entidade colaboradora para a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería local, a través dos bonos Corazón Compostela 2022. Así mesmo, deuse luz verde texto do convenio entre o Concello de Santiago e a entidade colaboradora e aprobouse un gasto por importe de 28.831,72 euros en concepto de compensación económica.
Unha vez se publique o acordo no BOP da Coruña, hai un prazo de 15 días naturais para presentar solicitudes. A resolución do proceso tardaría aproximadamente unha semana, aínda que estaría condicionada polo número de entidades que se presenten. Unha vez resolto ese trámite, iniciárise o procedemento habitual dos bonos corazón: a apertura de prazo para a inscrición de establecementos e a adquisición dos bonos por parte das persoas usuarias. A contía destinada será de 1.250.000 euros.