O Centro sociocultural do Ensanche acollerá a Feira de Economía Circular e Boas Prácticas esta fin de semana
A feira, que forma parte do proxecto #EuCompost_ela, impulsado polo Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia,
celebrarase o venres 23 e sábado 24 e reunirá a persoas expertas e empresas referentes do eido da sostibilidade. A entrada será de balde e as persoas asistentes poderán gañar un premio.
O proxecto #EuCompost_ela nace co obxectivo de impulsar a economía circular no concello compostelán, creando espazos desde os que dar a coñecer este modelo e fomentar hábitos de consumo responsable favorables para o medio ambiente. Desde o ano pasado, o Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) suman forzas e saberes para que esta iniciativa chegue a toda á cidadanía e a todos os rangos de idade.
A través de faladoiros, concursos na redes sociais, exposicións e charlas dinámicas para os máis novos, #EuCompost_ela vai conquistando os diferentes espazos de encontro dos composteláns -tanto off line como online- para que a sostibilidade tamén forme parte da súa rutina.
Un dos centros socioculturais máis dinámicos da cidade, o do Ensanche, acollerá o próximo evento deste proxecto: a Feira de Economía Circular e Boas Prácticas, un evento gratuíto e aberto ao público. A feira comezará o venres 23, ás 17:00 e ata as 21:00 horas, e o sábado 24, de 10:30 a 14:00 horas. Dous días nos que as persoas asistentes terán contacto directo coa economía circular galega. Ademais, tamén poderán aproveitar para poñer en práctica as súas mellores poses no photocall da feira e gañar un premio. Para iso, deberán subir as imaxes aos seus perfís en redes sociais usando o cancelo #EuCompost_ela. Entre todas as instantáneas sortearase un agasallo.
O acto de inauguración da feira, a cargo do Concello de Santiago de Compostela e a UCGAL, contará coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.
Esa mesma tarde, de 19:30 a 20:45 horas, celebrarase unha mesa redonda que ten por título ‘Consumidores e marcas no marco da economía circular’. O debate congregará a Laura Lodeiros, asesora de Bodegas Lodeiros; Diego Sande Veiga, profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Dolores Caamaño, fundadora de Dípataca, marca téxtil galega que aposta por materiais orgánicos e reciclados; e a Javier Ramón, cofundador da firma de lentes e reloxos de madeira Livegens.
Ademais, as persoas que se acheguen á feira poderán visitar, tanto o sábado como o domingo, os diferentes postos de empresas que apostan pola economía circular como base do seu modelo de negocio. A axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago Tee Travel, a empresa de inserción laboral Troco Solidario dedicada á restauración de antigüidades, mobles e outros produtos; a segunda vida que lle dan aos obxectos Lía Cotón e Cholita ou a alimentación e a cosmética 100% natural pola que apostan Nela Biosense e Alloa son todo unha inspiración do traballo tan coidadoso coa contorna que se fai na nosa comunidade. Todas elas presentarán os seus proxectos no salón de actos do CSC O Ensanche o sábado de 12:30 a 13:15 horas.
Na segunda xornada da feira terá lugar o faladoiro científico ‘Investigación e Innovación para un futuro circular’ no que participarán Ana Rodríguez Pasandín, profesora titular da Área de Enxeñería e Infraestrutura dos Transportes na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC); Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC e investigador no Centro Singular CRETUS; Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo na USC; e Érika Martínez Carreira, directora xeral da empresa Sinergias Sostenibles Resiforest. Esta actividade comezará as 10:30 horas e celebrarase no salón de actos.
A partires das 13:20 ata as 14:00 horas terá lugar o peche da Feira de Economía Circular e Boas Prácticas da man do Concello de Santiago de Compostela. O evento rematará con petiscos e bebidas para os asistentes.
Durante a feira tamén se levará a cabo a presentación dunha serie de vídeos de boas prácticas arredor da economía circular e que se centran en empresas ou iniciativas compostelás que avogan pola sostibilidade nos seus procesos produtivos. Os vídeos están protagonizados pola empresa de inserción laboral Arroupa, o Mercado de Abastos, a asociación Slow Food Compostela e o restaurante A Horta do Obradoiro. Igualmente, a empresa Finsa cedeu un vídeo sobre a circularidade dos seus produtos, para achegar á cidadanía a súa aposta pola economía circular.
‘Os Benfeito fan Compost_ela’, actividades para a rapazada
A maiores, durante a duración desta Feira de Economía Circular e Boas Prácticas, a Unión de Consumidores de Galicia achegará aos nenos e nenas a economía circular da man da familia Benfeito. Marta, Suso, Fermín, Carmiña, Antón e Iria ensinaranlles hábitos de consumo responsable e sostible a implantar no seu día a día, a través dunha actividade lúdica que terá lugar na Praza Roxa o venres, 23 de setembro, de 18:00 a 20:00 horas; e o sábado, 24 de setembro, de 11:30 a 13:30 horas. Esta actividade é gratuíta e está aberta a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
Documentos relacionados