A Oficina de Promoción Económica do Concello lanza "Compostela Móvese 2022", un ciclo de actividades formativas centrado na mellora empresarial da contorna e dirixido a empresas e profesionais
O obxectivo principal deste programa de dinamización económica "Compostela Móvese 2022" é o de impulsar un modelo económico para a Gran Compostela que aproveite as fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, Universidade, cultura e patrimonio, sempre cumprindo os criterios de sustentabilidade do territorio. A inscrición poderá realizarse ata o 23 de setembro.
Para isto, a Oficina de Promoción Económica oferta un ciclo de actividades formativas, coa finalidade de asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do Concello.
O programa combina formacións presenciais con teleformacións, acceso a recursos formativos adicionais para cada ciclo dentro dunha plataforma formativa, sesións de titorización individual, boletíns de alertas sobre oportunidades e tendencias no mercado e participación en foros temáticos.
Todas estas accións van dirixidas a empresas e profesionais dos distintos sectores económicos que buscan adquirir novos coñecementos e realizar plans de mellora para os seus negocios, dentro dunha ampla variedade de programas.
Os ciclos formativos ofertados son os seguintes:
• Boas prácticas en materia de conciliación, cunha duración de 15 horas e un total de 5 actividades. Do 26/09 ao 14/10.
• Xestión da innovación e transferencia tecnolóxica, cunha duración de 20 horas e un total de 6 actividades. Do 26/09 ao 07/10.
• Economía circular: oportunidades de negocio e aforros para a empresa, cunha duración de 28 horas e un total de 7 actividades. Do 03/10 ao 31/10.
• Dixitalización, cunha duración de 41 horas e un total de 10 actividades. Do 03/10 ao 04/11.
• Aplicación dos ODS na empresa, cunha duración de 15 horas e un total de 4 actividades. Do 10/10 ao 21/10.
• Igualdade, liderado, xestión de equipos e de conflitos con perspectiva de xénero, cunha duración de 25 horas e un total de 8 actividades. Do 17/10 ao 22/11.
• Axudas e Subvencións. Os fondos Next Generation, cunha duración de 17 horas e un total de 7 actividades. Do 17/10 ao 28/10.
• Financiamento: financiación tradicional e novas formas de financiamento, cunha duración de 33 horas e un total de 9 actividades. Do 17/10 ao 11/11.
• Ferramentas de xestión empresarial, cunha duración de 39 horas e un total de 10 actividades. Do 17/10 ao 25/11.
• Comercialización, cunha duración de 51 horas e un total de 15 actividades. Do 24/10 ao 30/11.
• Contabilidade para PEMES e MICROPEMES, cunha duración de 27 horas e un total de 10 actividades. Do 31/10 ao 25/11.
• A reforma laboral e as súas implicacións, cunha duración de 22 h e un total de 8 actividades. Do 07/11 ao 30/11.
• Innovación en comercialización de produtos e servizos culturais, cunha duración de 26 horas e un total de 7 actividades. Do 14/11 ao 30/11.
Cada un dos cursos contempla formación en liña, autoformación, obradoiros prácticos ou Masterminds presenciais, bolsa horas de titorización, boletín de noticias e tendencias do mercado e a participación nun foro temático.
As metodoloxías das formacións basearanse nas ferramentas derivadas do Coaching, NLP, LEGO Serious Play, Sikkhona, método LEAN, Design Thinking ou Psicoloxía Positiva. Todas elas buscan a participación de toda a organización para involucrar de xeito proactivo ás persoas participantes, xerando medidas máis efectivas e sinxelas de aplicar na empresa.
Para inscribirse, as empresas ou profesionais interesados poderán facelo nesta ligazón antes do 23 de setembro.